Día da Patria, eleccións e cambio

Agosto 8th, 2016  |  Published in| the_category nacionalismo, soberania

2008 07 25 compostela manifestacion dia da patria 1000175Malia que os demais partidos e os medios non o esperaban, e mesmo algúns militantes mantiñan unha actitude un chisco derrotista, o BNG máis unha vez ateigou cos seus simpatizantes a praza da Quintana en Compostela. Tamén se repetiu coa mesma forza e teimosía a consigna de Galiza Ceibe, Poder Popular e moreas de aplausos ás delegacións de Palestina e do Sahara, así como a Bildu e ao Partido Comunista Portugués, reflectindo que, malia algúns bandazos da fronte nas ultimas décadas, a militancia segue fiel á folla de ruta histórica.

Hai quen considera este éxito de convocatoria como produto da capacidade de resistencia, de organización, do nacionalismo anticolonial, polo que sería cuestión de tempo que fose perdendo esta eficacia na convocatoria. Mais coido que ten máis que ver coa falta doutras alternativas sólidas na loita a prol da soberanía, e que ademais ningunha ofreza un proxecto máis á esquerda, mesmo que na actualidade a oferta sexa máis morna que a saída de Amio. Ademais, aínda que sexa cedo para saber cal será o resultado da xestión da nova equipa, é un dado ao seu favor que abandonase a escenificación constante, que transcendía derrotismo, de que todo pasaba por recuperar a unidade perdida, ignorando que a alianza dunha parte dos que marcharon coa esquerda estatal non é conxuntural, e que os outros carecen de peso electoral e foron consolidando unha mensaxe que non cuestiona o modelo.

Outra das razóns, que os/as militantes do nacionalismo sen dúbida teñen en conta, é que a actividade política non se reduce só ao electoral, aínda que as forzas sistémicas e as clases dominantes quixesen que fose así. A mobilización e a loita das ideas, ou sexa, o debate político, seguen sendo ámbitos tan importantes como o institucional. Daquela que, para transformar o sistema, mesmo para reformalo (para quen entenda que é factíbel) hai que ter iniciativa e unha forte presenza en todos estes eidos da actividade política. Só deste xeito é posíbel crear un partido ou fronte forte, ligada aos movementos de base, comezando polo laboral, xa que este aspecto ten un papel central no modelo de sociedade. E resulta evidente que, de todas estas tarefas, a mobilización ten un papel chave xa que permite clarificar e divulgar as contradicións, demostrar que o cambio é realizábel, aumentar o número de cadros e socializar obxectivos e folla de ruta.

Polo tanto, o éxito da manifestación do 25 de xullo do BNG, e o carácter moi minoritario dos actos realizados por outras alternativas que teñen peso electoral, non se pode considerar anecdótico. Para mudar a correlación de forzas e poder realizar cambios profundos, cómpre a participación dun gran número de activistas, de cadros intermedios, e moita organización. Só os partidos sistémicos, electoralistas, poden obviar a militancia e a mobilización. A conquista do ceo non se fai exclusivamente con votos, aínda que a representación institucional sexa importante.

Agora ben, ter un peso reducido nas institucións neste contexto é un atranco, tendo en consideración que é o único modo de acceso ao poder político (os outros son o económico e o militar). Non é menos preocupante carecer dunha organización consolidada e unha militancia numerosa, para poder empurrar polos cambios. Por iso non é doado de entender, que haxa forzas cunha afiliación cativa ou telemática, que se dividen e rexuntan todos os días, que hoxe ofertan un programa e pouco despois outro, e que teñen unha enorme dependencia dos medios de comunicación hexemónicos, que despois se presenten como alternativas triunfadoras. E moito menos, que o fagan fronte a aquelas que, como o BNG, teñen un proxecto definido e unha base ampla e activa, e malia algúns erros, acumulan sobre todo unha historia de loitas exemplar. Máxime cando esta conxuntura é tan complexa e volátil, tanto no Estado español como no mundo. Son discursos que só se poden entender desde o marketing electoralista e comercial. Daquela que os /as electores deban se facer necesariamente a seguinte pregunta: as novas alternativas serán quen, e estarán realmente dispostas, a realizar cambios que garantan a xustiza social e que o pobo galego poda decidir o seu futuro?

Artigo publicado en Galicia Hoxe o 11 de agosto de 2016

Os comentarios están pechados.