Macri-ObamaNon é boa a conxuntura na América Latina, malia as súas inxentes riquezas e o seu dinamismo. Segundo a CEPAL, a economía na rexión reducirase nun 0,6% no ano 2016, mentres que as exportación baixaron nun 14% e o investimento exterior directo nun 9,1% durante o ano pasado, no que tamén recuou o PIB un 0,5%. Sen dúbida, incide nesta evolución regresiva a queda dos prezos das materias primas. Mais sobre todo, que tanto as políticas tradicionais, como as que procuraron alternativas máis redistributivas sen rachar totalmente co sistema económico-social, non foron quen de completar os ciclos produtivos reducindo a súa dependencia coas grandes potencias e coa globalización, malia que diversificaron as relacións comerciais.

Hai países que tomaron medidas pra gañar en soberanía e fixeron esforzos pra fortalecer novas actividades económicas, como a Arxentina durante o kirchnerismo, ou que aproveitaron ademais as sinerxías rexionais pra ter un papel central na actividade industrial, como Brasil. Mais foron procesos moi limitados na práctica, e que se cinguiron a algúns países moi determinados, os da ALBA e pouco máis. Outros importantes estados latinoamericanos apostaron por facer un maior esforzo produtivo e aumentar as exportacións básicas, como o Perú, Colombia e México. Medrou o PIB, máis a costa da desfeita ecoloxica e de sectores económicos tradicionais e do aumento da explotación laboral, o que afondou a desigualdade social e a pobreza. A emigración masiva desde México e Colombia son a demostración do contraste entre os datos macro e a situación social das maiorías.

Polo tanto, a primeira conclusión que se pode tirar da última década na América Latina, é a incapacidade de rematar o ciclo con avances significativos, tanto dos governos submisos aos centros de poder mundial, como daqueles que cuestionaron estas amarras sen rachar co sistema e construír un novo modelo. Ambos os camiños amosáronse como vías mortas, coa única diferencia, que non é menor, que os executivos progresistas diminuíron a pobreza extrema e avanzaron nos dereitos democráticos. A actual viraxe á dereita en Arxentina e Brasil, con duras medidas de axuste interno, así como de reorientación internacional, fai pensar que en moi pouco tempo perderán o adiantado en materia social na última década. Un retroceso que seguramente acadará novas cotas cos tratados de libre comercio, especialmente co TTP e, nun futuro, co TISA.

Tanto Brasil como a Arxentina teñen un papel determinante na América Latina, pola súa importancia económica e situación xeográfica, pra poder construír un bloque alternativo ás grandes potencias internacionais. O triunfo de Macri na Arxentina e o golpe de estado brando (parlamentar) en Brasil truncaron esa vía. Agora ben, todo indica que os axustes na Arxentina teñen unha forte contestación social, e a xudicialización da vida política por parte do novo governo non é quen de opacar as contradicións principais. O aumento do custe da vida nun 40%, os despedimentos masivos, e o alargamento da pobreza son unha agresión moi dura que a clase traballadora non pode aceptar resignadamente, e isto forza á mobilización mesmo do sindicalismo máis pactista. A situación no Brasil é moi semellante, coa agravante do total descrédito do Senado e do Congreso que están xulgando a Dilma.

Mais, mesmo que as medidas regresivas e os retrocesos democráticos tan violentos deran lugar a unha nova onda de mobilizacións sociais e de triunfos electorais de partidos de esquerda, pra avanzar é necesario que se rache coa dependencia, coa globalización, pra que a redistribución do traballo e da riqueza se poda consolidar. E ese é un debate que as forzas transformadoras daqueles países que son dependentes na América Latina e no resto do mundo non deron.

Artigo publicado en La Región o 26 de xullo de 2016