A Revolución Arxentina

Xuño 14th, 2016  |  Published in| the_category américa latina, Historia, política, soberania

arxentina onganiaHai medio século, o 28 de xuño de 1966, a Arxentina sufría de novo un golpe militar que destituía o presidente Illia, do Partido Radical. Este accedeu ao governo nunhas eleccións polémicas, nas que houbo un 21,3% de votos en branco, xa que foi excluído o “peronismo”. Souben daquel levantamento das forzas armadas estando na Universidade Tecnolóxica, na que realizaba o curso de ingreso pra Facultade de Enxeñería de Bos Aires.

O xeneral Onganía foi proposto como o presidente da Revolución Arxentina. Como era de esperar, no acto de posesión estaban os representantes do poder económico. Porén o que chamou a atención foi a presenza de dirixentes sindicais (ligados a fraccións do peronismo conciliador cos militares), como Francisco Prado, o secretario da central CGT, así como o da poderosa “Unión Obrera Metalurgica”, Timoteo Vandor, e os dos sindicatos de “vestido” e de “Luz y Fuerza”. O secretario deste último manifestaba “que se abría unha etapa de expectativa e esperanza”.

Na Historia do Movemento Obreiro, do Centro Editor da América Latina, en: “De Perón al Cordobazo en la Argentina”, afírmase que a razón do golpe era “deter a descomposición do capitalismo e esmagar o avance da revolución no país. Pra isto apelouse á maior represión coñecida ate entón. Implantouse a pena de morte por delitos políticos, secuestrouse e asasinouse a dirixentes, a militantes e activistas, encarcerouse a dirixentes combativos (…) disolve partidos políticos, intervén os sindicatos opositores, e intervén a universidade”.

A contestación á ditadura de Onganía comezou axiña no movemento estudantil, xa que se suprimiu a autonomía universitaria. O 29 de xullo fixéronse actos de protesta en varias facultades, intervindo a policía que detivo 130 persoas. A oposición non tardará en se alargar á clase obreira, que aproba a primeiros de 1967 un plan de acción, polo que o 14 de xaneiro Onganía racha as relacións coa CGT. Mais, ao mesmo tempo procura complicidades nos sectores máis febles.

No ano 1968, na loita interna da CGT triunfa Ongaro que pertence á liña combativa. Polo que o Governo militar descoñece a nova dirección e entrega a central aos sectores “participacionistas”. A intervención abre unha fenda, e xurde a CGT dos Arxentinos. Por certo, nesta central procurarei información por problemas laborais (ademais estudaba de noite), aconsellado por un compañeiro de traballo en Geniol. Sería esta a miña primeira relación co mundo sindical.

No ano 1969, vai a máis a confrontación laboral e estudantil. Medra o desprestixio da burocracia sindical e crece a mobilización alentada polos sectores combativos. Hai levantamentos populares en Corrientes, Rosario e Tucumán. Nesta última cidade, ocupando o centro e expulsando a policía que se refuxia nos cuarteis. Porén, a resposta máis consistente será o Cordobazo. Nas mobilizacións participan 50.000 persoas, e 150 mazás da cidade serán tomadas por obreiros e estudantes, mentres francotiradores repelen os intentos de ocupación por parte das forzas enviadas pola ditadura. Mais, sabedores de que só queda a confrontación directa, e que non hai condicións pra iso, obreiros e estudantes retíranse e volven aos barrios.

A Revolución Arxentina de Onganía demostrou ser unha mentira, a utilización perversa dunha consigna que resumía as arelas da maioría social. E cando esta táctica fracasou, Onganía sería substituído (en 1970) por outros militares, Levingston e Lanusse, pra manter o sistema mentres procuraban un recambio con verniz democrático, pra que non mudase ren. É unha ensinanza máis da historia, neste caso tinguida de sacrificios e sangue. Que valga de recoñecemento aos sindicalistas de SITRAC-SITRAM, de Córdoba, algúns dos que casualmente coñecín nunha illa de Tigre, no delta do Paraná.

Artigo publicado en La Región o 14 de xuño de 2016

Os comentarios están pechados.