CartazParemosPP.grandeA repetición das eleccións xerais reflicte a complexidade do momento. Sen dúbida o PSOE será chave pra formar governo. Mais está diante dun dilema que non sabe como resolver, se realizando unha alianza con Podemos e confluencias, recobrando os obxectivos orixinais, ou botándose nas mans da dereita, coa que coincide na defensa do sistema. As dúas vías teñen apoios importantes, e calquera que resulte triunfante alenta a fenda interna, e pode que a súa liquidación como forza relevante. Sería a consecuencia de décadas de deriva ideolóxica pra garantir fundamentalmente o acceso ao governo.

O PP tampouco o ten doado. Se baixa en número de deputados/as terá que facer un relevo e, o máis importante, pode abrir o camiño a que Ciudadanos o substitúa en pouco tempo como o principal partido da dereita, o que dá folgos a unha confrontación moi forte entre ambas forzas. Isto ten consecuencias no bloque das clases dominantes, xerando diferenzas que sendo hoxe conxunturais e secundarias poden beneficiar no futuro os partidos que procuran reformar ou mudar o sistema. Claro que, neste contexto, non se pode ignorar que a UE tutela, controla, e utiliza o bloqueo, cando coida que se poden ver afectados os intereses das potencias, das corporacións e das grandes fortunas. Nestes casos a globalización reflicte con toda claridade a que intereses é funcional.

Deixando a un lado Ciudadanos, que é a forza con menor identidade teórica e militancia organizada, Podemos e as confluencias teñen neste contexto un papel destacado. Hai que recoñecer que é produto dos erros dos demais, de virtudes propias e do eco de certos medios de comunicación (Por razóns de audiencia? Pra frear o independentismo catalán e o nacionalismo periférico?…). Aínda que é un camiño cos seus atrancos, coido que sería bo que puidesen formar un governo progresista co PSOE. Sería positivo por varias razóns. Porque implicaría unha viraxe á esquerda, e no concreto: medidas de atención aos sectores máis golpeados pola crise e reforzamento dos servizos públicos. Ademais, daría pulo ao debate sobre o modelo económico e laboral, así como a procurar solucións á cuestión das nacións periféricas (a capacidade de decisión).

Dende Podemos e confluencias, as promesas exceden o que poden a facer, xa que todo o sustentan na acción institucional, sen organizar e mobilizar, sen poder popular. Non o fan por ignorancia, xa que teñen dirixentes cualificados e coñecedores doutras experiencias nas que se amosan os límites da folla de ruta que escolleron, e do espellismo da toma do ceo por asalto (como sinónimo do institucional). Grecia, Arxentina, Brasil, son exemplos das virtudes e eivas deste tipo de alternativas. Mais, mesmo así, todo indica que é unha experiencia pola que a xente debe pasar, pra poder superar esta etapa. O debate sobre o grupo parlamentar propio pra Galiza, que se rexeita por EU e Podemos mentres se acepta en Cataluña, reflicte que as incoherencias son un mal que forma parte do proxecto, e que a capacidade decisión depende do grao de presión, non é un dereito inalienábel. Da acumulación de forzas á sua esquerda tamén dependerá ate onde se avance no eido laboral e social.

Deste escenario tan complexo e dinámico, aínda non resolvido, sairán as forzas determinantes nas vindeiras décadas. E, malia o retroceso dos últimos anos, o BNG debería ser unha das opcións en ascenso. Conta cunha militancia moi extensa, ten un papel importante na loita contra a inxustiza no laboral e social, é esencial no eido da dinamización da cultura galega e da mobilización popular, e coloca sempre o povo galego no centro das súas reivindicacións. Ou sexa, é un proxecto claramente alternativo á globalización neoliberal. Claro que, deberá pelexar este protagonismo. Os avances non son gratuítos.

Artigo publicado en La Region o 24 de maio de 2016