As Irmandades, un pulo cualitativo da conciencia nacional

Febreiro 17th, 2016  |  Published in| the_category cultura/lingua, Historia, nacionalismo, soberania

1917 05 20 -ant-19- p01- irmandades da fala2Durante os meus anos de militancia na Irmandade Galega de Bos Aires (1967-1972), da que fun secretario, tirei a conclusión de que, cando Castelao propuxo disolver a agrupación do Partido Galeguista naquela cidade e constituír unha organización que reunise todo o galeguismo, estaba a recrear as Irmandades da Fala. Contribuíu a isto que na capital Arxentina existise unha corrente de esquerda e independentista moi activa, que en gran medida proviña da Sociedade Nazonalista Pondal. Tamén comunistas e anarquistas que militaban no sindicalismo arxentino e se sentían galegos de nación, e cos que había que contar para disputarlle ao PSOE e ao PCE a hexemonía na colectividade. Esta Irmandade tería axiña réplica noutras cidades de América Latina. Sen dúbida foi unha decisión acertada, que lle deu arroupe político ao Consello da Galiza como goberno galego no exilio, e fortaleceu e achegoulle ideoloxía á colectividade.

Fago mención ás irmandades galegas da emigración, das que a de Bos Aires foi a máis importante, porque amosa ate que punto as Irmandades da Fala eran unha referencia no imaxinario do nacionalismo galego da época. Un dato que non se debería ignorar cando, tanto por parte das organizacións nacionalistas como de asociacións culturais e de promoción da lingua galega, se anuncian estes días actos e se realizan pronunciamentos co gallo de se cumprir este ano un século do nacemento das Irmandades da Fala. Resulta lóxico e necesario realizar estas conmemoracións, porque as irmandades deron un pulo cualitativo á formulación das reivindicacións nacionais e populares deste antigo país que é Galiza. Será o vindeiro mes de maio, o día 18, cando se cumpra o aniversario da fundación das Irmandades. A primeira reunión produciuse como resposta á convocatoria que o 5 de xaneiro realizou Antón Villar Ponte, que decidiu converter en realidade o chamamento a prol da defensa da lingua galega que no ano 1915 fixera Aurelio Ribalta na revista Estudios Gallegos.

A xuntanza fundacional celebrouse nos locais da Academia Galega, na cidade da Coruña, e a ela acudiron 20 persoas coa finalidade de crear unha liga de amigos do idioma galego. Deseguido naceron noutras cidades e vilas asociacións semellantes, como en Compostela, Ourense, Monforte, Pontevedra, e Vilalba, ese mesmo ano. O voceiro das Irmandades da Fala sería A Nosa Terra (con 2.000 subscriptores no primeiro ano). Unha cabeceira que antes o fora dun xornal da organización político-agrarista-galeguista Solidaridad Gallega (1907-1912), á que lle servira de referencia Solidaritat Catalana.

O ideario das irmandades definiuse na Asemblea Nazonalista de Lugo no ano 1918. Era un programa progresista, no que se valora que, sendo Galiza unha nación, o termo nacionalista reflicte mellor que o de rexionalismo o movemento iniciado polas irmandades. No manifesto que se aproba na Asemblea Nazonalista reivindícanse, entre outros aspectos: a autonomía integral para Galiza (…) unha soberanía completa e sen cativeces. Ademais: federación da Iberia, e dentro desta federación igualdade de relacións con Portugal; igualdade de dereitos para a muller; eliminación das deputacións provinciais; sufraxio universal e sistema electoral proporcional; réxime tributario sen intervención do poder central; nacionalización dos ferrocarrís; eliminación do exército permanente, etc. A mesa presidencial estaba constituída por Losada Diéguez, Villar Ponte, Peña Novo, Banet Fontenla, Quintanilla, Cabanillas, Castelao, Taibo, López Abente, G. Cedrón e Culebras. Nesta altura xa estaban constituídas 13 irmandades, integradas por 700 afiliados/as.

As irmandades foron unha organización heteroxénea no político-ideolóxico. Así se reflicte dende un principio, coas diverxencias entre os/as liberal-democrátas e os/as herdeiros do tradicionalismo (católico) de Brañas; ou, aínda que menos numerosos, de dirixentes obreiros tan destacados como Pasín Romero. Daquela que o confronto entre esquerda e dereita fose permanente, así como entre os que pretendían facer das irmandades un proxecto político e aqueles que querían circunscribir a súa función ao eido cultural lingüístico. Lembremos que a Irmandade Nazonalista Galega (Risco, Losada Diéguez, Banet Fontenla), que se esgaza das irmandades, apoia nun primeiro intre a ditadura de Primo de Rivera. No ano 1935 diante dunha disxuntiva semellante, Risco, Filgueira Valverde, Manuel Beiras, Mosquera e outros crean a dereita galeguista rachando co Partido Galeguista por mor da súa alianza coa Fronte Popular. Mesmo nun ámbito tan afastado da problemática económica e social cotiá do país, como era o da Irmandade Galega en Bos Aires, as diverxencias ideolóxicas ían estar presentes. Lembremos que ademais, unha parte do núcleo orixinal das irmandades tiveron un papel destacado nas asembleas agrarias, como Rodrigo Sanz, e en Solidaridad Gallega, Manuel Lugrís, Uxio Carré Aldao, etc.

Agora ben, sería un erro considerar que as irmandades son a orixe. En realidade son parte dun proceso de maduración no eido das ideas, e da necesidade do nacionalismo de dar resposta a unha agudización das contradicións, entre as clases sociais, mais tamén entre o centro e a periferia, a medida que se desenvolve o capitalismo monopolista. Cómpre lembrar antecedentes de tanta importancia como a Revolución de 1846 e o banquete de Conxo en 1856. A publicación de Cantares Gallegos en 1863 e a Historia de Galicia de Vicetto en 1865. As revoltas agrarias do sexenio, con ducias de mortos. A insurrección de mariñeiros e operarios no Ferrol en 1872. A creación do Partido Republicano Gallego en 1873, que reclamaba un governo propio para Galiza, como esixiu na Asemblea Federal de Compostela á que asistiron 545 delegados. Ou o primeiro xornal exclusivamente en galego, O Tío Marcos da Portela, en 1876, e a creación da Academia Galega en 1906.

Tamén incidiu o contexto internacional. Non se pode ignorar que nese momento, Europa está mergullada na Primeira Guerra Mundial. A revolta ferve en Irlanda onde, na Pascua de 1916, dá inicio unha insurrección (24-29 de abril) que remata en represión sanguenta por parte do exército do Reino Unido, o que terá como efecto que o soberanismo desprace en poucos meses o autonomismo como referencia popular. En Rusia o réxime zarista descomponse abrindo as portas á revolución democrática de febreiro e á socialista en outubro de 1917. As contradicións internas e a derrota militar esfarelan o Imperio Otomán e o Austro-Húngaro, xurdindo novos estados. É a hora da liberación das nacións sometidas en Europa e Medio Oriente; tamén do ascenso da clase obreira, que se atopa na vangarda da conflitividade e da proposta dun modelo máis xusto de sociedade.

Despois da Asemblea Nazonalista de Lugo fíxose un segundo encontro en Compostela, no ano 1919, e posteriores en Vigo no ano 1921, en Monforte en 1924. A ditadura de Primo de Rivera reducirá a actividade das irmandades, que se reorganizan entre 1928-1929, e realizan a súa sexta asemblea na Coruña no ano 1930, triunfando as teses de Risco, Otero Pedrayo… A sétima terá lugar en Pontevedra, en novembro de 1931, e dará nacemento ao Partido Galeguista. O nacionalismo galego dará deste xeito un novo pulo, que non sería o último, na súa longa travesía na procura da hexemonía social e política a prol da liberación nacional e social.

Artigo publicado en Galicia Hoxe o 17 de febreiro de 2016

Os comentarios están pechados.