2012 10 04 vigo cig P1150845Facer unha fotografía do que supuxeron para a clase traballadora estes catro anos de Governo do PP implica analizarmos, tanto a evolución das condicións laborais, como da presión fiscal e dos servizos e prestacións públicos, porque todos eles forman parte dos ingresos líquidos dos asalariados e asalariadas, directa ou indirectamente. A cuestión laboral é central. Especialmente, como se reparte o valor engadido entre o traballo e o capital, xa que se trata da cerna da explotación e do control do poder político. Vexamos pois cal é o resultado para as condicións laborais nestes catro anos de governo de Mariano Rajoy (e Núñez Feijóo).

Segundo o INE, entre o 4º trimestre de 2011 e o 2º trim. de 2015, os salarios baixaron de 13,86 a 12,16 euros/hora. Non parece moito descenso, porén debemos ter en consideración que o IPC foi no ano 2012 do 2,6%, no 2013 do 0,5%, e no ano 2014 de -1%. Polo que debemos sumar ao 2,8% de perda nominal outro 2% (como mínimo) polo medre do IPC; é dicir, sobre un 5% de perda salarial media por persoa durante este período. Este descenso foi máis acusado nas franxas de salarios máis baixos, dado que o Governo alentou o aumento da rotación, tanto pola duración dos contratos temporais como entre ocupados/as e parados/as.

Se analizamos os ingresos do capital e das rendas mixtas durante este período, vese que estes aumentaron levemente, constatando así que o retroceso do PIB foi totalmente soportado polos asalariados/as. A este retroceso nas condicións laborais na empresa, temos que engadir que o Governo central (coa colaboración da Xunta de Feijóo) tomou medidas que diminuíron indirectamente o salario líquido: aumentando o IRPF e o IVE (mentres se baixan os impostos de sociedade), co copago sanitario, ou reducindo prestacións esenciais, como as relacionadas coa dependencia. Esta queda dos ingresos salariais reais utilizouse para salvar o sector bancario e diminuír impostos ás empresas. Ademais tivo unha finalidade estratéxica para o capital: incrementar os lucros empresariais.

Os dados anteriores permiten tirar como primeira conclusión, que a crise cebouse na clase traballadora (e nos autónomos) e sobre determinados territorios. Cuestións fundamentais, porque os/as asalariados son un 82% da povoación ocupada, e segundo un informe da CIG dende o ano 2009 ate 2014, mentres o salario nominal medio en Madrid non se modificaba, no noso país baixaba un 2,7%, co agravante do descenso do emprego e da povoación. Non se debe esquecer que os salarios son inxustamente máis baixos para as mulleres e a mocidade. Esta desigualdade tamén se dá no ámbito territorial, entre os centros urbanos e rurais, malia que as análises e os partidos normalmente non teñen en consideración este feito.

Se consideramos a evolución dos salarios/hora entre 2010 e 2013, por sexo e tipo de contrato (o INE non ten series máis actuais), ollamos que as diferencias salariais das mulleres con relación aos homes pasaron a ser dun 16,7% sobre o salario máis baixo, a un 19,5%, no último dos anos de referencia. Mentres que no mesmo período, as diferenzas entre o salario/hora nos contratos indefinidos e temporais pasou do 27,5% ao 26,04% para ambos os sexos, esencialmente persoas mozas. Malia que diminuíron algo as diferenzas neste tempo, seguen sendo moi grandes. Nos temporais é moi común que as persoas fagan máis horas das que cobran e polas que se cotiza, polo que a fenda real é moi superior ao que reflicten as estatísticas. Esta tendencia á sobre-explotación aumentou moito nestes últimos anos, converténdose en “normal” en certas actividades económicas. No terceiro trimestre de 2014, os contratos temporais eran 225.700 (111.000 homes e 114.700 mulleres, o 27,5% dos asalariados/as), 9.800 máis que no 4º trim. de 2011, e a temporalidade non é significativa segundo o sexo. Se temos en consideración os salarios por xénero, estes son un 6,8% inferiores para as mulleres, unha diferencia moito inferior á dos contratos indefinidos. Resulta evidente que o principal reto son as degradantes condicións laborais que atinxen a mocidade, tanto porque son síntoma dunha tendencia regresiva e da desigualdade, como da febleza da loita sindical.

Ademais do relativo ao salario e á xornada, hai outros aspectos de suma transcendencia para a clase traballadora nos que houbo regresión ou non se lle deu solución durante o Governo conservador:

A alta taxa de desemprego e a emigración.
O descenso da taxa de cobertura e da contía económica para as persoas desempregadas.
A privatización de servizos das oficinas de emprego.
A deslocalización empresarial e unha inmensa man de obra de reserva.
A diminución das indemnizacións por despedimento improcedente e a ampliación dos casos que se consideran procedentes.
Unha reforma da negociación colectiva feita á medida dos empresarios/as.
Unha capacidade de decisión case absoluta para as mutuas patronais, no referente ás baixas laborais.
A nova lei de seguridade cidadán que restrinxe o dereito á protesta

Sen dúbida, as condicións laborais deterioráronse moito en todos os aspectos. Non tanto pola crise, como pola aposta do PP a favor da centralización e concentración da riqueza e do poder a nivel mundial (a globalización). Fíxose para favorecer as corporacións e grandes fortunas, mais tamén os territorios con máis peso económico e político. Contribuíu para a imposición destas políticas, que a socialdemocracia puxese en práctica medidas semellantes (como no seu intre Zapatero, no Estado español), mesmo aquela que se presentaba como radical (caso de Syriza na Grecia). Cambiar esta situación pasa por fortalecer as organizacións sindicais, tomando a iniciativa e dando carácter estratéxico á mobilización, e que os partidos fagan do laboral, que atinxe a máis do 80% da povoación ocupada, parte fundamental dos seus obxectivos e do seu discurso, unindo clase e nación, cuestións ambas que na globalización son interdependentes e esenciais para a liberación popular, especialmente nas nacións dependentes.

Artigo publicado en Sermos Galiza semanario o 17 de decembro de 2015