Galeano e Galiza

Abril 19th, 2015  |  Published in| the_category américa latina, cultura/lingua, Internacional

eduardogaleano1Deste xeito titulara un artigo sobre o Terceiro Foro Social Mundial (FSM) en Porto Alegre, Brasil, no ano 2003. Coido que ten interese lembrar aquel momento, porque liga o noso país cun dos escritores xeniais, e ao mesmo tempo máis lúcidos e comprometidos na loita contra a opresión dos povos e a explotación da clase traballadora, o uruguaio Eduardo Galeano. Poeta sensíbel, achegado aos sentimentos da xente, persoa comprometida co cambio, e observador crítico da historia como se reflectiu na súa obra “ As veas abertas de América Latina”.

Participei dende o inicio en todos os primeiros eventos do FSM en representación da CIG, porque comprendín axiña que era unha resposta axeitada ao momento, contando co apoio da dirección da central. Interviñen nestes foros xunto a outras delegacións sindicais, nalgunha mesa redonda e nun acto organizado pola Central Unitaria de Traballadores do Brasil. O Foro Social Mundial foi unha resposta das forzas antiimperialistas ao proceso de globalización neoliberal que aproveitou perversamente o baleiro deixado pola queda do “bloque socialista”. Dicía naquel artigo:

“O “Xigantiño” foi o local onde se fixeron as maiores conferencias do 3º Forum Social Mundial (FSM) de Porto Alegre. Ten capacidade pra 15.000 persoas, aínda que o 26 de xaneiro estaban ateigados os corredores e moita xente ficou fóra do recinto, ese día falaban Eduardo Galeano, Leonardo Boff, Radha Kumar e Jean Ziegler. Diante de 20.000 asistentes o escritor uruguaio fixo referencia a Galiza, á desaparición da administración durante as primeiras semanas da traxedia polo afundimento do Prestige, e como a sociedade civil, as xentes do mar do noso país e miles de voluntarios, enfrontaron cos medios máis rudimentarios, teimosía e coraxe, a marea negra que pretendía desfacer as rías, despois de tinguir de negro as rochas e praias abertas ao mar. Cun escritor do prestixio de Galeano lembrase este feito e o puxera como exemplo reflicte sensibilidade humán, así como a súa solidariedade e aprecio pola Nosa Terra.”

Aínda que para a povoación do noso país, a Arxentina é sinónimo da emigración galega, en realidade a incidencia dos galegos e galegas sempre foi moito máis importante no Uruguai, o “paisito” como din os “orientais”. Por iso, que Galeano fixese unha referencia tan específica na súa intervención ao tema do Prestige, e dera un énfase tan especial, e emotivo, á loita que o povo libraba contra os elementos e o desleixo do Estado español, amosaba a sensibilidade dun home de esquerda e unha proximidade ás nosas xentes, como persoas humildes e traballadoras, que entendía como unha parte dos de abaixo na terra de Artigas. Eduardo Galeano debe vivir tamén na nosa memoria.

Artigo publicado en Sermos Galiza o 15-19 de abril de 2015

Os comentarios están pechados.