O público é máis xusto, e barato

Abril 2nd, 2015  |  Published in| the_category economía, publico

2007 04 02 vigo servizos1138Segundo os medios, o BNG acordou que os eixos do seu programa nas eleccións municipais sexan: garantir un carácter universal aos servizos públicos e re-municipalizar os que teñan xestión privada. É unha decisión positiva, xa que a privatización non implicou un aforro económico e moito menos garantiu unha mellora. Segundo o informe de fiscalización do sector público, elaborado polo Tribunal de Contas, no ano 2011 o servizo de limpeza viaria en pobos e cidades no Estado español tiña un custe medio de 27,83 euros por habitante cando está privatizado, e de 16,23 cando se xestiona directamente polos concellos. Na recollida do lixo, o custe era de 53,9 euros/habitante na xestión privada, e de 37,54 euros cando esta era pública. As diferencias entre a xestión privada e pública son máis grandes canto maior é a poboación afectada.

Polo tanto, os argumentos para privatizar os servizos públicos carecen de toda base. En realidade, a privatización dos servizos, o único que asegura é que as empresas beneficiadas pola concesión obteñan beneficios, totalmente garantidos mentres dure a xestión. Asemade, a xestión privada dos servizos é un dos focos de corrupción, e alenta un modelo empresarial que basea a súa expansión, non tanto na eficiencia e no prezo, como nas estreitas relacións cos cargos políticos institucionais (tal como se comproba acotío ). E por se non abondase, nun aspecto tan fundamental como é a atención ao cidadán, sempre terá máis relevancia o custe, que as urxencias e necesidades esenciais da sociedade.

Tamén é fundamental procurar mecanismos que amplíen a participación da poboación no control da actividade municipal, para alén dos plenos municipais. Espazos de debate permanentes e regulamentados que permitan expoñer os problemas veciñais, as inquedanzas sociais e as críticas á xestión. E, con respecto á vontade popular, non hai dúbida que os concelleiros/as designados a dedo nas grandes cidades son un elemento de distorsión. Asemade, deberíase aplicar a proporcionalidade nos resultados electorais e eliminar o chanzo mínimo do 5%. Xustiza, democracia, soberanía, son verbas a poñer en valor.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 2 de abril de 2015

Os comentarios están pechados.