Matar o mensaxeiro

Marzo 3rd, 2015  |  Published in| the_category comunicación, neoliberalismo, publico

congreso españaO debate do “estado da nación”, a española, non deu moito de si, cun Governo amurallado na mellora dalgúns datos macro-económicos e prometendo tres millóns de empregos máis se repite na próxima lexislatura (como xa fixo e non cumpriu na anterior campaña, garantindo 3,5 millóns). Na outra banda, a oposición criticando as eivas da xestión e, especialmente, a situación dramática na que se atopan millóns de familias, por mor dunhas políticas feitas á medida do capital, e unha corrupción que atinxe sectores moi amplos dos partidos sistémicos e do mundo empresarial.

Sen dúbida, a novidade deste debate é que os medios de comunicación déronlle un destaque sen precedentes a dous partidos que non teñen representación nas Cortes, como son Podemos e Ciudadanos. Pódese argumentar que as últimas enquisas colócanos como parte das opcións que serían máis votadas nunhas eleicións xerais, mais non se debería ignorar que dun mes a outro a variación é considerábel, xa que o panorama está moi revolto. En calquera caso, mesmo dándolle protagonismo a estas novas opcións, é escandaloso que as forzas nacionalistas, algunhas cun peso social e institucional considerábel, desapareceran dos medios de ámbito estatal.

Semella que se quere instalar na conciencia colectiva que o pluralismo no Estado español está completo cos partidos de ámbito estatal. Agora ben, se esta fose a tentación, non tería moito percorrido, porque o conflito territorial seguirá a estar presente, e pretender matar o mensaxeiro non o fará desaparecer. Coa exclusión das opcións nacionalistas, especialmente as que teñen unha liña de esquerdas, estaríase reproducindo no eido da comunicación a estratexia desenvolvida polo Partido Popular, que sobre todo alentou a confrontación.

A cuestión nacional non se pode ignorar. Non só porque ten un inmenso apoio social en Cataluña e Euskadi e a súa fortaleza na Galiza, senón porque a globalización neoliberal está a agudizar esta contradición. Nesta etapa do capitalismo, por mor da revolución informacional e da internacionalización da economía e das finanzas, asistimos a unha agresiva concentración e centralización do capital (como indican todos os datos e recoñecen os analistas). As consecuencias son o aumento da desigualdade social e entre territorios. E esta tendencia é mais forte alí onde as forzas das clases populares son máis débiles e os povos carecen de poder ou/e de soberanía. Esta característica resulta evidente en Cataluña, Euskadi e tamén na Galiza. Máis grave no noso caso, porque, ademais de carecer de soberanía, os partidos que teñen o país como referencia non posúen maioría nas institucións, aínda que sexan os de maior capacidade mobilizadora e teñan a iniciativa política.

O medre da desigualdade óllase a simple vista: aumento do desemprego, do traballo precario, dos baixos salarios, diminución de prestacións e servizos públicos. Este retroceso social deuse ao mesmo ritmo que a perda de peso da economía galega no Estado, que o incremento do control foráneo da maioría das grandes empresas, e relegando todo aquilo que nos identifica como povo (lingua, historia, cultura). A interdependencia entre o social e o nacional salta á vista.

Malia a nosa riqueza en materias primas e enerxía, e sermos un país costeiro, e polo tanto privilexiado, nos últimos trinta anos a povoación galega pasou de representar o 7,84% ao 5,90% no Estado español. De manter a tendencia media do Estado deberíamos ter 3.643.000 habitantes. Non é o caso, e non é unha casualidade. Temos unha renda media por persoa “alta” sacrificando a parte máis débil da povoación, ben sexa emigrando ou por non ter descendencia. Non é a situación de Madrid ou Barcelona. Claro que algúns pensan, que matando o mensaxeiro, esta realidade non existe.

Artigo publicado en La Región o 3 de marzo de 2015

Os comentarios están pechados.