2003 05 15-compostela-pontevedra-combarro-nigran 262A manifestación convocada a prol da lingua por Queremos Galego, o pasado 8 de febreiro en Compostela, foi un éxito de convocatoria, ao acudir máis de 20.000 persoas. Foino, malia que moitos medios non actuaron con toda a obxectividade que deberían, máxime nun tema de tanta transcendencia para os galegos e galegas, falen ou non acotío a lingua do país, porque é un dos aspectos máis importantes de nosa identidade colectiva, da nosa construción histórica. Esta mobilización, foi un chamado de atención ao Governo da Xunta que deu pasos atrás na normalización da lingua co decreto de plurilingüismo, rachando o pacto en vigor de todas as forzas. Por se non abondase, coa escusa da crise foi eliminando ademais o apoio ao uso da lingua galega, de xeito tal que hoxe adica sete veces menos recursos que o Goberno vasco á súa, por poñer un exemplo.

Polo tanto, non é moi críbel que o Presidente da Xunta afirme, despois do éxito da manifestación, que está preocupado pola queda do uso do galego na mocidade urbana, que chame ao consenso político sobre o tema, e que poña os focos na súa utilización nas familias, polo que hai que entendelo como parte da escenificación política. En realidade as familias son vítimas dun contexto no que o poder político, económico, mesmo a relixión, e a maioría dos medios, se expresan en castelán. Se a isto engadimos, séculos de discriminación lingüística, a destrución do mundo rural que foi refuxio da súa utilización (e a estigmatización que se segue a facer das persoas do agro), o recuar no ensino e a diminución de recursos para apoiar as publicacións e producións en galego por parte da Xunta, esperar unha evolución distinta equivale a tratar aos demais de parvos.

Analizado o cerne do problema, tampouco axuda moito que persoas que se destacan na promoción do galego e da nosa cultura dean por liquidado en pouco tempo o seu uso. Aínda que non sexa o que se pretende, estas actitudes, que dramatizan sen contextualizar na procura de medidas necesarias e urxentes, na práctica botan auga no muíño daqueles que devecen por dar por morta a lingua galega. Se o que se pretende é conseguir o respecto, defensa e promoción do noso idioma, cómpre facelo sinalando aos que dende empresas, medios, institucións, igrexas, non respectan a identidade do país, e utilizan o poder económico, cultural e político para torcer no seu beneficio persoal a vontade e comportamento da xente.

O debate sobre a cuestión lingüística coincidiu no tempo coas inaceptábeis afirmacións do dirixente de Podemos no Uruguai, nas que utilizaba o termo “gallego” como sinónimo de pailán. Para aqueles que nos criamos na América Latina non sería algo estraño hai medio século. Os raparigos padeciamos esta caracterización acotío. Mais dábase nun contexto no que unha inmigración masiva disputaba traballo e espazo aos nativos, moitos dos cales descendentes de galegos. Agora ben, neste caso, choca que o insulto veña dun fillo de galegos, e amosa ate que punto se alentou o autoodio. O grave é que esta actitude dáse asemade en moitos galegos no noso país. Este comportamento non é exclusivo, existe tamén entre outros pobos. Olleina entre algúns indíxenas, ou sexa, naqueles que foron conquistados e colonizados polos españois, cando presumían de mestizos.

A historia, unha análise migalleira doutras realidades no mundo, permite tirar como conclusión, que existe unha interrelación entre un pobo que se recoñece como tal, e valora aquilo que lle dá identidade, e o grao de desenvolvemento económico, social e cultural. Os pobos que aceptan con complexos ou dende a inferioridade a súa identidade e historia, trasladan esta actitude a todos os eidos, dende o económico ate o político. Ao renunciar a ter propostas propias, e aplicar tanto os comportamentos como as receitas do centro na periferia mimeticamente, recrean o atraso.

Artigo publicado en Galicia Hoxe o 19 de febreiro de 2015