Lingua e igualdade

Xaneiro 29th, 2015  |  Published in| the_category cultura/lingua, soberania, sociedade

08-05-19 Letras Galegas 034Para o vindeiro 8 de febreiro está convocada unha manifestación en Compostela a prol da lingua galega. Sen dúbida ningunha, está máis que xustificada, tendo en consideración a desigualdade de trato que se lle dá aos galego-falantes en relación aos que utilizan o castelán, e mesmo o inglés. Cando se valora a situación do noso idioma non se pode obviar que foi perseguido e discriminado durante séculos, e que se fixo dende o poder un esforzo especial para unir no imaxinario colectivo a lingua galega co atraso e un atranco para o ascenso social. E malia que se afirme, que tanto a lingua propia como o castelán teñen idénticas oportunidades, na práctica cotiá, os medios, as empresas, a igrexa e todos os aspectos da vida pública impoñen o idioma da meseta. Nas institucións o seu emprego do galego é ritual. Faise así realidade que a cultura dominante é a da clases hexemónicas, malia que estas sexan unha minoría.

Polo tanto é unha trapallada que a Xunta diga que o retroceso da nosa lingua se debe a que as familias non a empregan. En realidade, o realmente destacábel é que neste contexto exista un número tan importante de persoas que a emprega, arreo ou circunstancialmente, nun ambiente tan hostil. O Goberno galego do PP non pode botar balóns fóra cando sabendo destas desvantaxes, ano tras ano, diminúe os recursos para a promoción do galego, que hoxe son sete veces inferiores aos que se dan en Euskadi para potenciar o vasco. Por non falar das medidas que tomou no ensino para colocar a nosa lingua en situación de desvantaxe, e polo tanto de precariedade, nas novas xeracións.

Dito isto, considero que tampouco axuda moito, que persoas que se destacan na promoción do galego e da nosa cultura dean por liquidado en pouco tempo o seu uso, botando auga no muíño daqueles que devecen por dar a lingua galega por morta. Se o que pretenden é sensibilizar, teñen que facelo facendo énfase nos atrancos e nas eivas. O noso idioma non está morto, nen esta vella nación vencida. Podemos dicilo con orgullo, cinco séculos despois da doma e castración do Reino de Galiza que iniciaron os Reis Católicos. Manifestémonos e construamos. Esa é a cuestión.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 29 de xaneiro de 2015

Os comentarios están pechados.