Rebaixa fiscal: a quen beneficia?

Xullo 1st, 2014  |  Published in| the_category economía, neoliberalismo, publico

Cristóbal Montoro acaba de anunciar unha reforma fiscal que presentou como unha rebaixa impositiva pra maioría das familias. Resulta evidente que esta medida ten como finalidade procurar a complicidade das persoas beneficiadas pola modificación, coa vista posta nos procesos electorais do ano 2015. Pra alén de cal sexa a razón pra esta reforma, e que en realidade se poda considerar como tal, xa que non son máis que rectificacións do actual sistema, o realmente importante é se ten un carácter progresista, ou sexa, se favorece as clases populares, ou máis unha vez é funcional aos que acumulan riqueza e poder.

Segundo os técnicos, a reforma, no referente ao IRPF, beneficia aos salarios entre 12.000 e 25.000 euros en contías de entre 255 e 334 euros anuais. Tamén saen favorecidos os ingresos entre 70.000 e 120.000 euros, así como os que gañen máis de 200.000 euros anuais. Aínda con esta última eiva semella un dato positivo. Porén na practica é unha migalla cando se compara coa rebaixa dos impostos ás grandes empresas, ás rendas do capital e ás rendas dos autónomos. Ademais, as indemnizacións por despedimento terán que cotizar cando superen os 2.000 euros exentos por ano (castigándose aos que entran no forno do desemprego), elimínase a dedución pra aqueles contratos formalizados a partir de xaneiro de 2015, e auméntase o IVE dalgúns produtos sanitarios do 10% ao 21%. En resumo, ante todo favorécese a empresarios, investidores e autónomos, por esta orde; é dicir, que se acentúa a tónica das últimas décadas, de cargar o peso fiscal sobre a clase traballadora. Así o consideran tamén os técnicos de Facenda (Gestha) que coidan que “as rendas máis altas son as beneficiadas pola reforma porque pra elas a tributación baixa do 27% ao 23%”.

Agora ben, a reforma non pode ser analizada á marxe dos orzamentos, porque estas rebaixas implican en principio menores ingresos (seica uns 9.000 millóns), que a debilidade do medre do PIB nunca pode compensar. Tampouco se anuncian medidas especiais para reducir a fraude fiscal (un 24,6% do PIB), nin a eliminación drástica das exencións impositivas, eses inmensos buratos negros grazas aos cales as empresas do IBEX35 só tributan o 4%, e as rendas do capital menos que as do traballo. Sendo así, pra equilibrar as contas só existen dúas posibilidades: o endebedamento ou reducir as prestacións públicas. Como a primeira opción é practicamente imposíbel, tanto pola presión de Bruxelas, que esixe que se cumpra co déficit pactado, como pola propia ideoloxía do Partido Popular, todo fai pensar que asistiremos a novos recortes dos servizos e prestacións básicas.

Despois da contestación social destes últimos anos, e con dúas eleccións en pouco tempo, con seguridade, o governo procederá máis de vagar nos recortes, farao silandeiramente, e botando a responsabilidade enriba das autonomías. Estas últimas son as que teñen as competencias en temas de tanta importancia social e económica como a sanidade e o ensino, e responden a distintas cores políticas.

Falta por ver como se concreta esta reforma e cales son as consecuencias sobre o orzamento e en que partidas. Todo fai pensar que, pra maioría social, o que se lle entrega coa man esquerda se lle vai quitar despois con creces coa man dereita en prestacións e servizos que hoxe son gratuítos (como se está a facer acotío sen pausa). Porque do que se trata, cando se fala de ingresos, é termos en consideración que ademais de ingresos directos hainos indirectos, e que ambos débense sumar porque forman parte da capacidade de gasto. Un debate pendente é se os salarios equivalen ao traballo realizado, algo dubidoso, máxime cando existe unha concentración e centralización da riqueza tan forte.

Artigo publicado en La Región, o 1 de xullo de 2014

Os comentarios están pechados.