Lingua, presente e futuro

Maio 15th, 2014  |  Published in| the_category cultura/lingua

 

Máis un 17 de maio cun carácter reivindicativo, de defensa dos signos de identidade nacional de Galiza. Son moitas as ameazas que afogan a utilización da nosa lingua, o desenvolvemento da cultura propia, a protección do patrimonio e mesmo o coñecemento da historia do país. A dependencia secular segue vixente, malia o feito positivo da autonomía, porque as competencias non son exclusivas nen as suficientes e, asemade, sumáronse novos aspectos  a termos en consideración, como: a globalización neoliberal, os avances comunicacionais, a perda de control sobre sectores chaves da economía, a desfeita do mundo rural, así como importante entrada de inmigrantes e a saída masiva de mozos e mozas galegos.

A estas eivas temos que engadir, pola súa transcendencia, as medidas regresivas, mesmo algunhas negadoras do especificamente galego, desenvolvidas polo Partido Popular dende a Xunta de Galiza e aquelas institucións nas que goberna. Ademais, non podemos esquecer  que a cultura dominante é a das clases hexemónicas, e polo tanto o papel do poder económico, máxime cando unha boa parte do tecido produtivo está en mans foráneas, e o empresariado mantén tradicionalmente unha actitude refractaria en todo o relativo á identidade nacional galega.

Moitos dos tradicionais mecanismos de colonización foron substituídos por outros máis indirectos, porén igual de eficaces e alienantes. E para neutralizalos cómpren máis competencias estatutarias, un tecido asociativo moi creativo e amplo, e que as institucións teñan un papel activo no lingüístico e cultural. Só así se evitará que a vontade social se torza acotío, tanto polos grupos con poder económico, como por institucións que non respectan a vontade popular. Só deste xeito pódese garantir que a lingua galega, o idioma propio do país segundo o Estatuto de Autonomía sexa factor de desenvolvemento. Nesta tarefa hai que contar coas asociacións culturais, de barrio e sociais que potencian a utilización da lingua galega, o coñecemento da historia propia, etc., mais que carecen hoxe das axudas necesarias, a diferenza daquelas que fan cultura de elite. Os países que non aprecian o que son carecen de futuro.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 15 de maio de 2014

Os comentarios están pechados.