A Xunta de Galiza aprobou o 24 de marzo o Decreto de Xestión Clínica, sen atender á oposición das centrais sindicais con representación na sanidade, nen o Informe do Consello Consultivo que coida que o texto “está cheo de ambigüidades e de aspectos claramente negativos (…) que son especialmente rechamantes no relativo a Recursos Humanos, ao manexo de recursos económicos e nos sistemas de avaliación”. Deste xeito a Xunta bota adiante as Áreas de Xestión Clínica (AXC), malia o rexeitamento dos traballadores e traballadoras, que ficara demostrado no importante apoio á folga de dous días no mes de decembro, e na morea de manifestacións que se desenvolven dende hai meses.

Sen dúbida Núñez Feijóo non ignora estas accións de protesta que contaron cun enorme respaldo social. Mais o Goberno galego semella insensíbel a este reaxer masivo, e vai  recortando e privatizando a xestión dos servizos por anacos e amodiño (alta tecnoloxía, esterilización, etc), e aplicando o repagamento. Todo amosa que procura os mesmos obxectivos privatizadores que en Madrid, mais vendo os resultados naquel caso, emprega a estratexia da opacidade e da vaselina.

Coa imposición das AXC preténdese trasladar ás persoas que traballan na sanidade pública a responsabilidade dos recortes, xa que estas serían as que xestionarían autonomamente cada área, ligando os incentivos a un orzamento fixo e ao aforro, como se atender os doentes fose fabricar tixolos, e non houbese ducias de variábeis que atender. Dende a CIG-Saúde valórase que “os incentivos económicos están baseados nos recortes nas prestacións e non en indicadores de saúde” e lembra que “o Consello Consultivo recolle que non hai unha regulación expresa dos indicadores que deberán terse en conta pra fixación dos incentivos”.

As centrais sindicais denuncian ademais o “peche de camas, recortes orzamentarios, taxas de reposición. Isto é o que impera na Sanidade Pública. Menos camas pra ingresar os/as doentes, colapso dos servizos de urxencias. Condénase a/o doente a entrar nunha porta xiratoria entre o seu domicilio e o servizo de urxencias. Recórtase o diñeiro destinado á Sanidade Pública, destrúense postos de traballo, reducindo a presenza dos/as profesionais que fai inviable unha prestación de calidade, pra logo remitir as/os doentes a centros privados”. Esta regresión  de medios provoca un colapso dos servizos de urxencia, déficit de profesionais pra atender os doentes e o medre das listas de espera.

Por se non abondase, destacan ademais dende o sector, que as Áreas de Xestión Integradas e as Áreas de Servizos Compartidos son causa dun “distanciamento do recurso sanitario ao respecto da poboación, con evidentes efectos disuasorios, e ruptura da equidade. Isto implica que, como exemplo, no sur galego un neno da comarca de Valdeorras tería que ser trasladado ata máis de 200 km de distancia pra ser atendido por un cirurxián pediátrico”.

Neste contexto, abraia que a chamada “Comisión de Sabios” que asesora o Partido Popular recomende incrementar os repagos co argumento de que a prestación gratuíta xeneralizada dos servizos sanitarios non é o xeito máis xusto de axer; se cadra porque só teñen presente os intereses da gran patronal, coa que a maioría están ligados. E malia estas propostas e medidas, Rajoy e Feijóo afirman que o peor da crise está quedando atrás. É evidente que non falan da crise que esmaga á maioría social, a que destrúe emprego fixo, reduce salarios e prestacións públicas, e aumenta a xornada laboral e a presión fiscal. Sen dúbida, vivimos no mesmo planeta, mais en dous mundos diferentes. Ou, como dicía o meu pai, cada un fala da feira asegún lle vai nela. E neste caso nótase que os que gobernan non deben utilizar moito os servizos públicos.

Artigo publicado en La Región o 15 de abril de 2014