Que o Governo de Madrid tivese que desistir da privatización dos hospitais e centros de saúde é sen dubida unha vitoria para o conxunto dos pobos que integran o Estado español. Outro tanto cómpre dicir do acontecido no barrio do Gamonal en Burgos. Ten importancia, porque se dá no centro xeográfico do poder político das clases dominantes, e porque ademais atranca unha vía esencial no proceso de concentración e centralización da riqueza para aumentar as taxas de lucro: a privatización dos servizos públicos.

Os defensores da sanidade pública nesa comunidade valoraban que non se pode afirmar que esta vitoria sexa definitiva, e que o Governo madrileño do Partido Popular non procure agora novos camiños para ir privatizando silandeiramente o sistema público. Lembremos que xa o fixo coas lavanderías dos hospitais, con consecuencias, tanto sobre a calidade do servizo como cun importante recorte das condicións laborais. As traballadoras afectadas pola privatización denuncian que non se empregan os produtos axeitados para o lavado, senón outros máis baratos, que se lles aumentou a xornada de 7 a 8 horas, e rebaixou os salarios de 1.100 euros, ao salario mínimo interprofesional de 645,3 euros por mes.

A decisión de dar marcha atrás na privatización da sanidade madrileña é, ante todo, mérito da resposta masiva do persoal directamente abranguido pola medida; mais tamén do apoio da  poboación, que, como pacientes, ían sufrir tamén as consecuencias desta regresión. Cómpre destacar asemade que se tratou dunha oposición que se mantivo na rúa arreo, disputando no día a día a opinión pública, rebatendo os argumentos do Goberno madrileño e deteriorando a súa imaxe. Non foi unha oposición simbólica, con accións esporádicas, senón constante, teimosa, de firmeza. Ademais, e isto terminou por ser esencial neste caso, utilizáronse tamén todos os mecanismos legais para deter a privatización, xa que lesionaba os intereses xerais da poboación.

O éxito das mobilizacións do persoal do SERGAS e da súa folga de dous días, no mes de decembro, pra frear a fragmentación do sistema por medio das Áreas de Xestión Clínica, o copago, e a privatización de servizos, e agora este paso atrás do Goberno de Madrid, amosan a oposición social a estas medidas. Tomará nota a Xunta deste rexeitamento e freará o proceso privatizador? Polo momento é insensíbel á opinión da maioría da poboación, xa que por distintos medios, silandeiramente, con nocturnidade, seguiu adiante co proceso privatizador. Un exemplo é o novo hospital de Vigo, onde unha parte importante dos servizos serán privatizados, ou a adxudicación da xestión da esterilización do instrumental a unha empresa privada, por 160 millóns de euros, pra unha ducia de anos. A combinación de austeridade máis lucro privado sempre dá peor atención.

Os métodos de loita que se utilizaron por parte dos traballadores e traballadoras da sanidade madrileña (e tamén no Gamonal) demostraron ser eficaces. Mais non son unha novidade, teñen  moito en común coas mobilizacións que a clase obreira realiza a nivel de empresa ou sector, cando se pelexa por melloras no convenio ou se defende os postos de traballo. Nestes conflitos a loita mantense constante e vai crecendo na medida que a patronal non cede a unha saída satisfactoria; utilizándose a manifestación, a folga, e a axitación e propaganda como medios de presión. Sendo así, non entendo porque ás veces a contestación a medidas moi agresivas e que abranguen sectores moi amplos carecen de continuidade e danse por rematadas cunha mobilización ou folga xeral, e accións esporádicas. Desistir da loita cando a clase traballadora e a poboación aínda non se deron por vencidos fai perder eficacia á contestación, malia o simbólico da protesta, con todo o que isto significa.

Artigo publicado en la región o 4 de fabreiro de 2014