Privatización no SERGAS

Xaneiro 22nd, 2014  |  Published in| the_category neoliberalismo, publico, sociedade

Por se non abondase coa futura privatización de certos servizos pola porta de atrás, por exemplo no novo hospital de Vigo, co argumento de que non son atención sanitaria directa, ou no intento de abrir ese camiño coa creación das Areas de Xestión Sanitaria, súmaselle agora a privatización do servizo de esterilización hospitalaria. O concurso saíu publicado no Diario Oficial da Unión Europea o pasado 2 de xaneiro. Neste caso, co agravante que se fai con nocturnidade, por segunda vez; ou sexa, con total descoñecemento do persoal sanitario, das centrais sindicais e da sociedade, e á marxe de calquera consulta aos profesionais e de debate político. Unha información e debate previo necesario dada a importancia da medida pra o futuro dun servizo público esencial.

Cómpre lembrar que os hospitais públicos do SERGAS contan cos certificados de calidade ISO 9001 que garante a excelencia e calidade do traballo. Este control faise polos servizos de medicina preventiva dos hospitais, por persoal sanitario (TCAEs, enfermeiras/os e médicas/os). Se isto pasa a mans dunha empresa privada, estaríamos a falar da privatización da ‘bata branca’, esa que dixeron, tanto a conselleira, como o propio presidente da Xunta que non se ía producir.

A privatización da xestión aumentará os custes e tampouco aportara ningún aforro a longo prazo. O persoal que realiza hoxe estas funcións deberá ser recolocado, polo que os 12 millóns de euros ano (máis IVE) que implicaría este servizo son un gasto a máis. Aínda que no futuro se eliminen estas prazas a medida que se xubile persoal, non se pode ignorar o sobre custe durante anos. En relación co aspecto económico, cómpre ter en consideración un relatorio do Tribunal de Contas do Estado español no que analiza os custes da privatización do lixo e da limpeza no ano 2011. No caso concreto das grandes cidades, a limpeza viaria implicou un gasto de 32,19 €/habitante para xestión privatizada, mentres que era só de 19,07 €/habitante con xestión pública. Cando se trata da recollida do lixo, as contías son de 52,33 € e 37,54 €/habitante, respectivamente. En ambos os casos, a privatización significou un aumento do gasto.

Artigo publicado en El Ideal Gallego o 22 de xaneiro de 2014

Os comentarios están pechados.