Malia que unha e outra vez Núñez Feijóo nega que se vaia privatizar, total ou parcialmente, o sistema sanitario galego, o certo é que de vagar vanse dando pasos neste sentido. Un exemplo é o novo hospital de Vigo, no que as empresas privadas que o constrúen xestionaran despois certos servizos. Segundo a Conselleira de Sanidade, como estes non atinxen a atención sanitaria directa, non se trata dunha privatización, aínda que hoxe sexan prestados polo SERGAS e se trate de servizos necesarios pra atención sanitaria. Ademais, o custe final máis que dobra o que tiña en principio sendo toda a xestión pública. En resumo, xógase coas palabras pra disfrazar a entrega de servizos públicos á empresa privada, coa única finalidade de utilizar as necesidades humanas máis esenciais pra obtención de lucro.

Na mesma andaina, hai uns meses comezaba unha silandeira campaña interna pra avanzar na xestión autónoma de Áreas de Xestión Clínica (AXC), que supeditaba os ingresos do persoal sanitario aos aforros obtidos en cada unha delas. Claro que o único xeito de que este modelo funcione, rebaixando recursos e aumentando salarios, é prestando menos servizos ou máis deficientes. Todo indica que este é un primeiro paso, pra fracturar os traballadores/as, coa evidente intención de evitar a dura oposición que se deu en Madrid á privatización do sistema. A proposta de crear as  AXC foi rexeitada polo persoal, en todos os segmentos, como se amosou na folga de dous días, realizada o pasado mes de decembro, o que aparentemente arrefriou ou demorou os pasos que estaba a dar a Xunta por esta vía.

A abertura do concurso pra concesión da xestión do servizo de esterilización dos centros hospitalarios do SERGAS (publicado no Diario Oficial da Unión Europea), é un novo intento firme na privatización dos servizos sanitarios. Neste caso, co agravante que se fai por segunda vez con nocturnidade; ou sexa, con total descoñecemento do persoal sanitario, das centrais sindicais e da sociedade, e á marxe de calquera debate político. Unha información  e debate previo necesarios, dada a importancia da medida pra o futuro dun servizo público esencial.

Segundo a CIG Saúde “os hospitais públicos do SERGAS contan cos certificados de calidade ISO 9001 que garante a excelencia e calidade do traballo. Este control dos estándares de calidade tamén se fai polos servizos de medicina preventiva dos hospitais. O conxunto do traballo e do control de calidade é prestado por persoal sanitario (TCAEs, enfermeiras/os e médicas/os) e se isto pasa a mans dunha empresa privada tal e como vén de confirmarse “estariamos a falar da privatización da ‘bata branca’, esa que dixeron, tanto a conselleira, como o propio presidente da Xunta que non se ía producir”

Unha mínima reflexión amosa que a privatización da xestión degrada a calidade da atención e non aportará ningún aforro. O persoal que realiza hoxe estas funcións deberá ser recolocado, polo que os 12 millóns de euros/ano (máis IVE) que implicaría este servizo son un gasto a extra. Aínda que no futuro se eliminen estas prazas a medida que se xubile persoal, non se pode obviar o sobre custe durante anos. En relación con este aspecto cómpre ter en consideración un relatorio do Tribunal de Contas do Estado español no que analiza os custes da privatización do lixo e da limpeza no ano 2011. No caso concreto das grandes cidades, a limpeza viaria implicou un gasto de 32,19 €/habitante pra xestión privatizada, mentres que só era de 19,07 €/habitante cando a xestión era totalmente pública. Cando se trata da recollida do lixo, as contías son de 52,33 € e 37,54 €/habitante, respectivamente. A privatización significou un aumento do gasto. O agravante, neste caso, é que se abren ao lucro, como se fosen unha mercadoría, as necesidades humanas máis esenciais.

Artigo publicado en La Region o 21 de xaneiro e no Atlantico o 22 de xaneiro de 2014