No mes de maio do ano 2012, segundo recollían os xornais, o presidente da Xunta de Galiza manifestaba que estaba disposto a privatizar na sanidade todo aquilo que non fose o “núcleo duro”, de xeito que nos hospitais, só a xestión clínica se realizase con medios públicos. Agora, coa  proposta de constituír Unidades de Xestión Clínica ((UXC) pódese dicir que tamén para ese “núcleo duro” estanse dando pasos para a súa privatización. E o primeiro paso, para alén do copago dos remedios que castiga as familias con menos ingresos e os enfermos crónicos, todo indica que é fragmentar o servizo sanitario en unidades autónomas, as UXC. Estas unidades non só xestionarán a actividade sanitaria; tamén uns determinados fondos económicos. Do aforro na xestión dependerán os incentivos dos profesionais da saúde, en poucas palabras: canto menos persoal e gasto en pacientes, máis incentivos.

A primeira consecuencia desta reforma sanitaria, de se levar adiante, é que os pacientes poderán recibir unha atención sanitaria de primeira, segunda e terceira, porque non todas as Unidades poderán dar os mesmos servizos. Dependerá do número de casos graves, pacientes, do persoal contratado, etc. O que podemos dar por seguro é que ningunha Unidade terá unha atención igual á actual, porque a pretensión desta reforma non é atender mellor os pacientes, senón reducir gasto como sexa. Unha vez fragmentado o sector, forzado a toda costa a aforrar na xestión, avanzar na privatización será máis doado. Poderase facer por partes, evitando unha oposición frontal dos traballadores/as afectados e dos usuarios como está sucedendo en Madrid.

Para levar adiante está reforma sanitaria, o PP aprobou no Congreso a principios do vran a Lei 10/2013 para avanzar na laboralización e privatización, usando as UXC como instrumento. Malia non ter ningunha ligazón co tema, a modificación da Lei que rexe o uso dos medicamentos serviu de base pra esta regresión, xa que na disposición adicional quinta, o PP inseriu reformas nos artigos 63 e 65 do Estatuto Marco do Persoal Estatutario. O seguinte paso dado polo Ministerio de Sanidade é a preparación dun decreto sobre as UXC, que se comprometeu a promulgar antes de que finalice este ano, e que ten como finalidade esencial servir para avanzar nos obxectivos de laboralización do persoal e de privatización sanitaria.

O SERGAS xa anunciou que, cando se publique o decreto estatal sobre UXC, recollerá as modificacións para aplicalas no país. A Xunta demostra deste xeito que quere seguir o camiño das privatizacións sanitarias que xa se fixeron en Valencia, Cataluña e Madrid. A punta de lanza no noso país serían as Unidades de Xestión Clínica. Para tal fin o SERGAS está a preparar un decreto que se aprobará decontado polo Executivo de Núñez Feijóo. Neste intre xa se están a facer propostas de integración nas UXC. Danse estes pasos sen concretar o modelo de xestión, nen que vai pasar cos profesionais que se neguen a se incorporar, e prometendo incentivos aos que acepten (de ate 12.000 euros) ligados aos resultados da xestión económica de cada unidade. Segundo a CIG-SAÚDE, o decreto que pretende promulgar a Xunta “está cheo de incertezas, aspectos deliberadamente escuros que a administración négase a clarexar (…) e contén aspectos ideoloxicamente inaceptábeis ao ligar os incentivos dos profesionais ao aforro, en vez de ligalos aos resultados de saúde”.

O certo é que a sanidade pública está pasando por malos momentos. A contratación da atención con centros privados nalgunha área da nación galega, ten como resultado que as persoas derivadas están a recibir unha atención de menos calidade, por falta de persoal e polas reticencias a facer algunhas probas aconsellábeis, aínda que non sexan obrigatorias. Hoxe, en todos os centros, coa escusa da crise, a precariedade laboral é unha norma, con contratos laborais inferiores á normativa para evitar as libranzas correspondentes. A protesta de varios centos de enfermeiras/os o pasado día 21 en Vigo e Pontevedra convocadas pola CIG son un demostración do descontente. Non é menos grave que as xubilacións de médicos/as e enfermeiras/os non se cubran, cun claro deterioro da atención. Sendo o sistema sanitario un modelo, en realidade cómpre afirmar que se está a deteriorar con moita rapidez planificadamente.

Diante desta situación tan alarmante, que afecta ao conxunto da sociedade, e moi especialmente ás persoas máis indefensas, practicamente todos os sindicatos do sector xa manifestaron que se opoñen a estas medidas. Así o fixeron, dende aqueles que só representan os profesionais do sector ate as centrais que abranguen a todos/as os asalariados. Mais a contestación, como é lóxico, non queda só nas declaracións e as boas intencións, polo que para os vindeiros 9 e 10 de decembro a CIG e CC.OO. convocaron folga xeral no sector, así como varios sindicatos médicos. Todo fai pensar que será seguida masivamente, porque os traballadores/as da sanidade xoganse o futuro. Ademais, neste caso, esta protesta laboral ten un fondo contido social, porque unha sanidade pública e gratuíta, de calidade, é básica para a construción dunha sociedade máis xusta e solidaria. Dar pasos atrás neste aspecto, desmontar a sanidade pública, facer da saúde das persoas un negocio, de non impedilo, custará moitos sacrificios e anos poder reconquistalo. A cobiza non pode devoralo todo!!!

Artigo publicado en Galicia Hoxe o 25 de nevembro de 2013