Ao mesmo tempo que se afirma que a crise rematou, aínda que outros menos optimistas falan de que só terminou a recesión económica, xa que os efectos negativos sobre o emprego, salarios e consumo vanse manter “por algúns anos”, o Governo anuncia novas medidas de axuste. Entre elas, algunhas que atinxen a un colectivo tan importante e indefenso como é o dos/das pensionistas. Trátase dunha nova reforma que afecta tanto aos actuais como aos futuros pensionistas, que se suma á xa realizada polo PSOE, e ao copago e á exclusión de moitos remedios esenciais decididos polo Governo do PP. Estas medidas regresivas, que teñen intencionalidade de continuidade, dígase o que se diga hoxe, pretenden converter as pensións nun negocio, alentando ademais os fundos privados e unha maior redución de servizos e prestacións publicas esenciais (polo resto deberase pagar). Ou sexa, un novo paso na transferencia de recursos das clases populares aos grandes grupos económicos e fortunas.

Estes novos recortes terán un tremendo efecto sobre os colectivos máis vulnerábeis, e o cambio da xestión sanitaria, en especial sobre os/as pensionistas. Esta reforma vai na liña das que xa se fixeron en Valencia, Cataluña e Madrid. A modificación consiste nas chamadas Unidades de Xestión Clínica (UXC). Pra tal fin o SERGAS está a preparar un decreto que será aprobado decontado polo Executivo de Núñez Feijóo. Segundo a CIG-SAÚDE, o decreto da Xunta “está cheo de incertezas, aspectos deliberadamente escuros que a administración négase a clarexar (…) e contén aspectos ideoloxicamente inaceptábeis ao ligar os incentivos dos profesionais ao aforro, en vez de ligalos aos resultados de saúde”.

A base pra este proceso de degradación da sanidade pública, foi a modificación do Estatuto Marco pra o persoal sanitario mediante a Lei que rexe o uso dos medicamentos. O PP aprobou no Congreso a principios do vrau a Lei 10/2013 pra avanzar na laboralización e privatización usando as UXC como instrumento. Malia non ter ningunha ligazón co tema, a modificación da Lei que rexe o uso dos medicamentos serviu de base pra esta regresión, xa que na disposición adicional quinta o PP inseriu reformas nos artigos 63 e 65 do Estatuto Marco do Persoal Estatutario.

O Ministerio de Sanidade está a preparar un decreto sobre as UXC, que se comprometeu a publicar antes de que finalice este ano, e que servirá pra avanzar nos obxectivos de laboralización do persoal e da privatización sanitaria. O SERGAS xa anunciou que, cando se publique o decreto estatal sobre UXC, recollerá as modificacións pra aplicalas no país. Neste intre xa se están a facer propostas de integración nas UXC sen concretar o modelo de xestión, nen que vai pasar cos profesionais que se neguen a se incorporar, prometendo incentivos aos que acepten (de ate 12.000 euros) ligados aos resultados da xestión económica de cada unidade.

Practicamente todos os sindicatos do sector opóñense a esta reforma, aínda que dadas as repercusións laborais e sociais, coido que xa deberían ter realizado unha maior campaña, sen esperar ao último momento, pra acadar un amplo rexeitamento social da reforma. Seica estaríase valorando a realización dunha folga xeral no sector, que mesmo poderíase alargar a dous días. Máis avanzada vai a resposta no relativo á oposición ao copago dos medicamentos, xa que a Iniciativa Galega pola Gratuidade na Sanidade convocou o pasado día 8 concentracións en cidades e varias vilas galegas, e o 17 de novembro unha manifestación na capital do país.  A mobilización  semella ser o único camiño pra evitar unha nova desfeita. Pode que a Xunta non queira realizar dun xeito tan bruto como en Madrid a privatización, mais todo indica que quere dar os primeiros pasos, sabendo que logo todo será cuestión de tempo.

Artigo publicado en La Región o 19 de novembro de 2013