Todos os organismos internacionais do ámbito económico abrazan as teses da globalización neoliberal, ou sexa, están acelerando o proceso de centralización e concentración da riqueza en beneficio da alta burguesía e dos Estados máis poderosos. Nunca como durante este axuste (porque iso é a crise) entre clases sociais e entre países medraron tanto as desigualdades e se enriqueceron as grandes fortunas. A globalización neoliberal permitiu afondar o saqueo de materias primas e enerxía, e coa presión da deslocalización e dunha man de obra de reserva mundial impúxose o dumping social tamén nos países que contaban cun alto nivel de benestar.

Co falso argumento de que non hai outra saída, a este tren subíronse os gobernos do Estado español do último lustro. E unha suma de reformas reaccionarias foron sacrificando prestacións e servizos públicos, dereitos laborais, e déuselle un primeiro golpe ás pensións hai dous anos, que agora a ministra Bañez quere acelerar e afondar. O argumento é a cuestión demográfica, xa que recoñecer que o problema está na alta taxa de desemprego sería aceptar que as solucións ofrecidas consolidan a precariedade. Tampouco se rectifica no relativo ás rebaixas das cotizacións da patronal (salario indirecto) e ás subvencións en materia de contratación, e non se poñen en práctica medidas efectivas que eliminen a fraude da economía en negro (sobre un 23%). Pouco se fai nestes aspectos que aumentarían os ingresos evitando ter que recortar nos servizos e prestacións públicas.

Todo parece indicar que dende o Goberno planifícase un escenario no que ademais de reducir as cotizacións sociais patronais, vaise continuar con reformas que implican maior temporalidade e salarios máis baixos e unha taxa de paro elevada, e polo tanto menores ingresos na Seguridade Social. En poucas palabras, a maioría das pensións non cubrirán os gastos mínimos. Polo que se alenta a que aqueles que poidan contraten un Fondo Privado, fortalecendo así esta área de negocio, a costa das necesidades básicas das persoas en momentos da súa vida nas que están indefensas. Isto non é gobernar ao servizo do pobo.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 19 de setembro de 2013