Hexemonía e loita polo poder

Agosto 1st, 2013  |  Published in| the_category comunicación, cultura/lingua, mov.obreiro, política

Unha acertada caracterización da sociedade, marcarse uns obxectivos claros, analizar se hai máis dunha etapa, ter uns métodos de traballo axeitados para cada unha delas, e unha política de alianzas apropiada, son fundamentais para que os proxectos de liberación nacional e social avancen e terminen en éxito. Agora ben, para desenvolver correctamente estas tarefas políticas é fundamental o traballo colectivo, o partido. Mais, sendo toda organización unha suma de contribucións individuais, teñen moita transcendencia: a experiencia práctica, a comprensión dos sentimentos e estado de ánimo do pobo e a preocupación por aprender doutros procesos semellantes e das reflexións máis sobranceiras que deles se fixo.

A lista de pensadores que fixeron engádegas teóricas esenciais nestes aspectos é moi ampla, a saber: Marx e Engels, Lenin, Mao Tse Tung, Gramsci, Mariátegui, Frantz Fanon, Rui Mauro Marini, e moitos máis. Os nomeados eran, ademais de teóricos sobranceiros, sobre todo intelectuais orgánicos, militantes activos que confrontaron as súas ideas na práctica partidaria, o que lle dá un valor especial ás súas reflexións. Hoxe débenselle sumar outros/as pensadores/as achegados ao noso tempo histórico, como son: István Mészáros, Samir Amin, Isabel Rauber, Ricardo Antunes, etc. Agora ben, neste artigo quero aproximar o leitor/ra a ese dirixente político e teórico exemplar, tan pouco coñecido, que foi Antonio Gramsci. Entremos no tema.

Gramsci naceu na Sardeña no ano 1891. Foi primeiro militante socialista, e no ano 1921 formou parte dos fundadores do Partido Comunista Italiano (PCI). Era marxista e admirador de Lenin. Será deputado polo PCI (ano 1923), membro da dirección do partido, e dende 1926 secretario do mesmo ao triunfar súas teses no congreso de Lyon. Detido Gramsci no ano 1927, durante a ditadura fascista de Musolini, permanece en prisión ate poucos días antes da súa morte no ano 1937. Na cadea foi sometido a todo tipo de vexacións, o que non impediu que unha boa parte das súas análises e reflexións foran producidas durante esta etapa da súa vida, concretamente os famosos “Cadernos do cárcere”.

María Antonietta Macciocchi en “Gramsci y la Revolución en Occidente” (Siglo Veintiuno de España Editores, 1976), dinos que Antonio Gramsci valora que “a clase dominante exerce o seu poder independentemente dos compromisos materiais con outras forzas sociais, non sómente por meios coercitivos, senón ademais coa súa visión do mundo, é dicir unha filosofía, unha moral, costumes, un sentido común que favorece o recoñecemento da súa dominación polas clases dominadas. Na linguaxe histórica política, isto significa que o exercicio do poder por unha clase, nun intre histórico determinado, non só é a expresión das relacións económicas dominantes nese momento, senón que serve para difundir certos valores que, á súa vez, están determinados por esas relacións e eses compromisos mediante os cales dita clase consegue axuntar en torno dela todo un conxunto doutras forzas sociais coas que comparte, ou aparenta compartir, o seu poder, illando deste xeito, para oprimila mellor, a clase directamente antagónica”

Polo tanto Gramsci, cando analiza a realidade italiana, non só estuda a estrutura económica e política e a súa incidencia sobre a sociedade, senón que ademais valora: como e quen transmite a ideoloxía dominante. Vencella o que acontece no eido da infraestrutura coa superestrutura, e estuda detidamente esta última, xa que considera que existen eivas nas tarefas políticas desenvolvidas neste aspecto.

Porén ¿que é a superestrutura? Gramsci considera como tal, ademais das institucións e organismos directamente dependentes do Estado, o que denomina a “sociedade civil”. Esta abrangue, a escola, os medios de información, a Igrexa, etc, que desempeñan funcións de hexemonía. Ou sexa: a “sociedade civil” é o alicerce da sociedade política coa que está ligada de xeito indisolúbel, e serve para artellar e transmitir a ideoloxía dominante. Coida, asemade, que a ideoloxía dominante tamén se difunde a través de “aparellos privados”. Neste aspecto di Cesáreo Rodríguez-Aguilera de Prat no seu libro “Gramsci y la vía nacional al socialismo” (Akal, Madrid, 1984) o seguinte: “A sociedade civil, a través dos seus aparellos privados que desempeñan en realidade tarefas públicas, proporcionan a cohesión ideolóxica e nela descansan as relacións de produción e a división social do traballo. A sociedade política fica daquela lexitimada a través da sociedade civil encargada especificamente de organizar e manter o consenso xeral respecto dun determinado sistema”. Cómpre lembrar que a división que fai Gramsci entre sociedade política (o Estado no senso estrito) e a sociedade civil ten nembargantes unha función metodolóxica.

Gramsci elaborou diversos estudos sobre o papel da prensa, analizando como esta contribúe a sustentar a ideoloxía dominante nos réximes liberais para moldear a opinión pública cuns fins determinados. Así por exemplo, nos períodos eleitorais, a prensa e a radio (hoxe poderiamos engadir a TV e internet) poden suscitar estoupidos de pánico e un entusiasmo ficticio para favorecer o predominio ideolóxico (ou emotivo) dos grupos dominantes. Preténdese, que as masas populares ollen como natural a división social do traballo, e o afastamento entre gobernantes e dirixidos. Unha demostración deste aspecto concreto témolo acotío na Galiza: a dependencia, a discriminación sobre a lingua propia, o descoñecemento da historia, e minusvaloración da identidade nacional.

Antonietta Macciocchi  sinala que: “na análise que fai Gramsci da relación entre acción e conciencia das clases subalternas, evidénciase, que cando a acción das masas está en oposición co poder dominante, a súa conciencia, é dicir, a súa propia maneira de pensar, segue marcada pola hexemonía ideolóxica das forzas políticas adversas; pois as masas foron educadas non só cunha mentalidade oposta aos seus propios intereses fundamentais, senón tamén á súa propia praxes”.

Polo tanto para Gramsci o poder é exercido en cada momento por un Bloque Histórico que non se reduce a unha simple alianza de clases sociais, xa que expresa o vínculo orgánico que une a estrutura económica coas superestruturas xurídico-políticas e ideolóxicas que corresponden a unha estrutura social concreta e historicamente determinada. Nos “Cadernos de Cárcere”, Gramsci definirá a súa concepción sobre o “bloque histórico” do seguinte xeito: “A infraestrutura e as superestruturas forman un bloque histórico, ou sexa que o conxunto complexo, contraditorio e discorde das superestruturas é reflexo do conxunto das relacións sociais de produción”. No bloque histórico, infraestrutura e superestrutura están nunha dependencia estreita nese conglomerado que Gramsci chama “forzas materiais e ideoloxía”.

O bloque histórico non é polo tanto só unha alianza de clases sociais, sen forma, xa que a hexemonía que asegura a súa cohesión corresponde a unha visión do mundo (superestrutura) que lle garante á clase dirixente capacidade para atender os problemas nacionais e dar solucións concretas (infraestrutura). Isto tanto é valido para o vello como para o novo bloque histórico, que en todo caso deberá non só procurar unha nova alianza de clases senón garantir a súa hexemonía. E a hexemonía, como a define Gramsci, é algo diferente á imposición, á ditadura, e ten nunha relación directa co conceito de Estado e de bloque histórico..

Gramsci concreta o bloque histórico de poder, que naquel intre para o seu país era a alianza entre a burguesía do norte industrial e os terratenentes da Italia meridional. A este bloque el opón un novo, que ten como cerne a alianza da clase obreira do norte e o campesiñado meridional, e ao abeiro deste novo bloque histórico teríase que construír a nova hexemonía.

Gramsci realiza unha distinción entre sociedade política e sociedade civil. O Estado sería a sociedade política e representa a forza coercitiva, mentres que a sociedade civil estaría constituída (como xa se dixo) por unha rede complexa de funcións educativas e ideolóxicas. Nalgunhas ocasións dálle ao Estado un conceito máis amplo atinxindo tanto as funcións da sociedade política como da sociedade civil. Faino porque entende, segundo nos di M.A. Macciocchi: “que o Estado (de clase) traballa na formación dunha vontade colectiva, dunha unidade intelectual e moral e polo tanto de estruturación do corpo social enteiro, a fin de que os obxectivos e as ideas das clases dominantes pódanse apresentar como valores universais”.

Dado a importancia do que Gramsci chama a “sociedade civil” na consolidación da hexemonía do “bloque histórico dominante”, e moi especialmente no eido da imposición da súa ideoloxía, dos seus valores e filosofía de vida, non abonda con ter maioría política nas institucións, nen impulsar coa toma do poder un cambio na estrutura económica, porque a ideoloxía da bloque hexemónico politicamente derrotado continua con fortes bases e capacidade de incidencia na sociedade. Mesmo tería capacidade para mudar de novo a correlación de forzas ao xerar contradicións entre a nova situación económico e social é as ideas tradicionalmente dominantes.

Como afirma Aguilera de Prat, para Gramsci: “a hexemonía é unha síntese de dirección e de dominación, de consentimento e de forza, polo tanto débese entender en dous sentidos: como capacidade dun determinado grupo para dirixir os seus aliados e como acción de forza contra os seus adversarios (…) A hexemonía presupón polo tanto que se teñen en consideración algúns intereses dos grupos sobre os que se exerce a hexemonía, e daquela a combinación de forza e consenso”. Polo tanto a loita pola hexemonía no eido das ideas é unha tarefa esencial tanto antes coma despois da toma do poder. Daquela será aínda máis necesaria cando a mudanza na correlación de forzas só se dá no aparello político institucional.

Un proceso de acumulación que na América Latina, na década dos 60 do século pasado, chamábase a construción do Poder Popular, e que agora intelectuais da esquerda están a recuperar como conceito. Entendíase como un proceso de acumulación de forzas para garantir o éxito da “guerra popular prolongada” ou dunha “insurrección popular”. O Poder Popular baséase en teses enfrontadas ás daquelas forzas que defendían o foquismo ou a insurrección espontánea. Entendían estes últimos que a toma do poder por un pequeno grupo, clarificado e atrevido, garantía posteriormente a construción dunha sociedade socialista e de persoas novas. Estas teorías daban un papel secundario ao movemento de masas, coincidindo neste aspecto coa esquerda economicista, o que as relegaba a ser base de poio da pelexa institucional. O foquismo facía unha leitura errada da Revolución Cubana, ignorando máis dun século de loita contra a colonización española e as posteriores ditaduras dependentes na illa. Esquecían que o proceso cubano foi posíbel por unha progresiva acumulación de forzas e de maduración das ideas liberadoras e de xustiza social, das que a guerrilla de finais da década dos cincuenta foi a exitosa culminación dunha etapa.

Sen dúbida a extensión conceptual do que significa para Gramsci o aparello do Estado, na Europa occidental, implica novas tarefas para os partidos, frontes, movementos ou calquera tipo de organización, que se propoña derrotar o “bloque hexemónico”, e  transformar a sociedade. Daquela, se na década dos trinta era necesario en Italia un partido de masas, participativo, con tarefas en todos os eidos para avanzar na transformación da sociedade, especialmente para dar con éxito o combate ideolóxico (na formación dunha nova conciencia social) ¡imaxinémonos hoxe!

Ademais, no marco actual de globalización, na Europa occidental, o novo bloque histórico debe acadar a hexemonía, en principio, ao traveso da mobilización social e a ocupación das institucións. Daquela resulta imposíbel avanzar na liberación nacional e social a menos que se conte cunha forte implantación no pobo, organizado e mobilizado, e a hexemonía no eido das ideas. Tamén é esencial que a mobilización social e a presencia nas institucións non sexa burocrática, e entender que tampouco hai atallos, nen por suposto, unha receita que garanta o éxito. E neste aspecto foi onde Gramsci fixo a súa maior contribución, porque teorizou políticas propias para a realidade económica e social de Italia, sen ignorar a súa evolución histórica e correlación de forzas; daquela que algúns consideren que alentou unha “vía nacional ao socialismo”.

En relación aos tempos de crise, como o actual, cun duro axuste da distribución do traballo e do poder entre clases e países, son de interese as reflexións que nos fai Gramsci cando aposta pola “guerra de posicións” fronte á “guerra de movemento”, utilizando o símil militar para a estratexia política. M.A. Macciocchi destaca que as razóns polas que Gramsci se inclina por esta estratexia “de conquista lenta e progresiva das trincheiras inimigas” é  o convencemento de que “a sociedade civil chegou (na Europa occidental) a ser unha estrutura moi complexa que resiste mesmo os estoupidos máis fortes das conxunturas económicas (crises, recesións, etc.): a superestrutura é na sociedade civil, o que son as trincheiras na guerra moderna”.

As e os nacionalistas debemos coñecer e utilizar as teorías máis acaidas para a interpretación da realidade, os métodos de traballo, os obxectivos, mesmo de valoración do contexto internacional, mais nunca darán resultado as copias, nen os tacticismos. Cómpre pensar estratexicamente, e aínda que as tarefas que deriven leven máis tempo e esforzo, dentro duns anos verase que así se avanza dun xeito máis firme na construción de poder popular.

Artigo publicado en SermosGaliza do 30 de xullo ao 1 de agosto de 2013

Os comentarios están pechados.