O elitismo volve ás universidades

Xullo 6th, 2013  |  Published in| the_category cultura/lingua, neoliberalismo

Hai polémicas que non son novas, nen exclusivas dun Estado, como a de cal debe ser a peneira de acceso á Universidade e se debe existir. A pretensión do ministro Wert (co alento do seu partido, xa que ninguén se suicida tomando iniciativas deste tipo sen contar con apoios) de dificultar o estudo superior daqueles estudantes das clases populares que non teñan notas excelentes, revive no Estado español esta polémica. O que chama a atención é que se esquece que os cursos pos-grao, e os centros de estudo privados, hai tempo que xa fixeron unha peneira clasista, restándolle moito valor aos títulos universitarios. Se temos en consideración esta nova realidade, a proposta der Wert no relativo ás becas é aínda máis agresiva, máxime nesta conxuntura de queda dos ingresos e prestacións, e de aumento do desemprego.

Dicía que este debate non é novo, porque a mediados da década dos sesenta vivímolo moitos estudantes na Arxentina, nun momento en que a Universidade pretendía abrirse á maioría. Isto afectounos especialmente a aqueles que fixemos estudos secundarios técnicos e que despois continuamos na Universidade e traballabamos ao mesmo tempo. Houbo sectores acomodados que querían que os estudos superiores só fosen accesíbeis para os que tivesen capacidade económica. Non estaba en debate o tema das becas, xa que o ensino era totalmente gratuíto e outros aspectos estaban subvencionados (comida, libros, apuntes, etc.).

O argumento contra unha universidade aberta a todos era moi sinxelo: o custe económico e que  moitos non ían exercer a profesión na que se formaron. A contestación nosa era igual de sinxela, todos teñen que ter as mesmas posibilidades, encetando polos coñecementos. Sabendo que despois a maioría non vai utilizalos todos no traballo, mais serviranlle noutros aspectos da vida cotiá. Ninguén ignora que igualar os estudos non é máis que un chanzo, despois na práctica conseguir un bo traballo dependerá de máis cuestións, dende as relacións familiares ate a casualidade. Ademais, hoxe, xa ninguén sabe do que vai traballar, nen canto tempo, polo que o argumento da profesión perdeu validez.

Artigo publicado en Ideal Gallego e Diario de Arousa o 6 de xullo de 2013

Os comentarios están pechados.