Alonso Montero e os atrancos da lingua

Maio 22nd, 2013  |  Published in| the_category cultura/lingua, nacionalismo

O ataque ao nacionalismo galego sempre dá grandes titulares, ben proveña de organizacións de ámbito estatal, como da crítica interna cando é agresiva e destaca polo espectáculo. Nunca tivo a mesma repercusión mediática o papel do nacionalismo na defensa da identidade, da economía, da democracia e das clases populares. Por algo será?… Sempre houbo, dentro e fóra do nacionalismo, persoas que pensaron que este tratamento, reflexo das clases dominantes, podíase mudar evitando a confrontación.

Todas as experiencias colectivas e individuais para limar diferenzas co poder, das que houbo moitas, fracasaron; mesmo aquelas ligadas a algo aparentemente tan pouco político como é o lingüístico, xa que esqueceron que formaba parte consubstancial da loita de clases. O tempo demostrou que era un espellismo, especialmente a medida que avanzou a globalización neoliberal e a dependencia fíxose máis abránguente no económico e cultural. Que persoas que non viviron este proceso nas últimas catro décadas caian neste camiño trabucado pode ter algunha xustificación, mais que o faga quen, como Xesús Alonso Montero, por idade e militancia política, contemplou todos estes procesos, reflicte falta de análise ou unha caracterización errada da realidade social desta vella e dependente nación que é Galiza.

O Presidente da Academia Galega (AG) debe manter unha actitude máis respectuosa coas forzas políticas que son as primeiras valedoras da loita a prol da nosa identidade nacional, como é o caso do BNG. Non estará misturando a súa militancia en Esquerda Unida, pensando que a Academia Galega por ser el o seu Presidente é unha extensión desta organización política? Ou, o que aínda sería máis grave ¿acaso pretende dividir os que falan e defenden o galego, e desviar os tiros daqueles que ren fan por el ou toman e alentan medidas discriminatorias? Se fose deste  xeito sería moi preocupante e significaría un golpe á defensa da nosa lingua nacional. De todos os xeitos chama a atención que o resto dos compoñentes da AG aínda non puxeran orde nesta cuestión, especialmente cando os atrancos á lingua están noutra parte (ou non?…).

Artigo publicado en Ideal Gallego o 22 de maio de 2013

Os comentarios están pechados.