Resulta difícil de explicar que a Academia Galega (RAG) fixera até agora tan pouco por divulgar, como solicitaba a Mesa Pola Normalización Lingüística no ano 2004, a figuras tan egrexias como son Rodrigues Lapa, Teófilo Braga e Leite Vasconcellos. Todos eles portugueses, e os dous últimos fundadores da RAG. Ambos os tres alentaron estreitar as relacións entre os dous pobos irmáns. Sen dúbida é un dos temas pendentes desta institución, así como contar cunha maior presenza de mulleres.

Quero destacar o caso de Teófilo Braga, fundador da RAG, xa que foi o primeiro presidente do Goberno provisional de Portugal baixo a República, despois da revolución de outubro de 1910 que derrubou a monarquía. Nel únense o aspecto político e o intelectual. Isto ten un enorme valor. Asemade, amosa até que punto daquela eran estreitas as relacións entre as dúas beiras do Miño. Podería parecer unha anécdota se esquecemos que, poucos anos antes, fixéranse os tres Congresos Obreiros Galaico-portugueses (de 1901 a 1903), en Tui, Viana e Braga, coa asistencia de numerosos delegados de sindicatos de Galiza e do norte de Portugal, para debater unha estratexia común. Ou que no ano 1912 houbo unha incursión que partiu de Galiza, onde vivían numerosos exiliados, para restablecer a monarquía naquel país irmán, que fracasou. Teófilo Braga, nado nas Azores, escribiu unha morea de libros, sobre 360 títulos, especialmente sobre historia literaria e etnografía.

Sobre o seu pensamento no relativo ao noso país, reproduce Emilio González López no libro “Grandeza e decadencia do reino de Galiza” o seguinte texto de Teófilo Braga que é moi ilustrativo: “En terra galega formouse a independencia de Portugal e a lingua da nova nación portuguesa. Foi Galiza, coa singularidade expresada na súa lingua, nas súas tradicións e na súa cultura berce de Portugal”. Durante a súa presidencia provisional da República portuguesa, mentres a nova Constitución non foi elaborada e se elixiu un novo goberno (setembro 1911), entre outras reformas, decretou a lei de familia, a lei do divorcio, a lei de separación de Igrexa e Estado, e criou as universidades de Lisboa e Porto.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 11 de abril de 2013