A saúde no punto de mira

Marzo 29th, 2013  |  Published in| the_category neoliberalismo, publico, sociedade

Ficamos inmersos nun duro reaxuste económico, social e político entre territorios e clases sociais, cuxas consecuencias son unha enorme centralización da riqueza e o poder nos países máis fortes e unha concentración paralela na oligarquía. Para acadar estes obxectivos empréganse todos os medios, como a vía militar, a perda de dereitos laborais e sociais, e a especulación. Tamén se utiliza a corrupción e a economía delituosa, mediante unha asociación perversa entre grandes fortunas e partidos sistémicos. As preferentes, os impostos indirectos, a economía en negro e a enxeñería fiscal consentida aos ricos, ás grandes empresas e altos directivos, xeran un círculo de ferro que afoga a maioría social.

Neste contexto, no que impera a lei da selva, as clases dominantes procuran novas áreas de lucro. A saúde é unha destas áreas, nas que ademais existe un consumo garantido e en aumento. Daquela que o empresariado parasitario faga inxentes esforzos para privatizar a súa xestión e retirar prestacións que os pacientes terán que procurar nas clínicas privadas. Seica se fai porque o sistema non é sostíbel, porén a defraudación impositiva atinxe os 88 mil millóns de euros, segundo o GESTHA, as SICAV cotizan o 1%, e o imposto de sociedades non chega a un 10% de carga fiscal. Non é sostíbel porque non se quere que o sexa. Ademais agochan que unha xestión privatizada, como a dos Estados Unidos, é peor e un 50% máis cara.

Aínda que Valencia, Madrid e Cataluña son a vangarda do proceso de privatizacións, Galiza non vai moi por detrás. A construción dun hospital semi-privatizado como o de Vigo, que vai custar tres veces máis que se fose público, e a centralización hospitalaria eliminando servizos dos hospitais comarcais, son un paso importante nesa dirección. As protestas contra esta política son masivas. Porén a Xunta olla para outra parte e, malia os feitos prácticos, desmente o proceso privatizador. Todo se tapa coa crise, mais a economía caeu un 5%, o desemprego máis do dobre, os salarios só no 2012 un 4,3%, e os servizos retállanse acotío. As porcentaxes non son equivalentes, e as medidas abafan máis e máis ás clases populares.

Artigo publicado en Ideal Gallego o 29 de marzo de 2013

Os comentarios están pechados.