O déficit do conxunto das administracións e a débeda pública son moi altos no Estado español, aínda que a débeda privada dobra esta última contía. Polo que o Partido Popular mete presión para rebaixar servizos e prestacións, privatiza a xestión (resultando máis cara a medio prazo) ou sinxelamente as suprime, deixando como único recurso pagar polo servizo. Segundo os resultados do ano pasado reduciuse o déficit público, mais aumenta a débeda, especialmente polos custes do burato bancario. O problema non é polo tanto que existan servizos que están por riba das posibilidades, xa que só cubrir a especulación bancaria tivo un custe de 40 mil millóns. Consecuencias, só no ano 2012 a débeda pública medrou en 145.871 millóns de euros, sumando un total de 882.339 millóns, un 83% do PIB.

Teimudo, o PP segue eliminando gastos, sen ter en consideración os ingresos, para cadrar as contas. Mais, como cae a actividade económica, aumenta a fraude fiscal, non se suprimen as moitas exencións e privilexios impositivos ás grandes empresas e patrimonios, o obxectivo resulta inalcanzábel. Para meter aínda máis presión na alarma que causa o diferencial entre ingresos e gastos públicos, seica o Goberno meteu a man no fondo de reserva da Seguridade Social para mercar débeda pública e cubrir o déficit das pensións. Non aclarou se son certas estas informacións, o que fai pensar que podan selo; sería alarmante, dadas as consecuencias sociais.

A situación social non é das mellores, xa que o desemprego e a pobreza atinxen taxas dramáticas. Contraponse a este grave panorama o crecemento dos lucros das grandes empresas, a cada vez máis baixa presión impositiva sobre empresas e grandes fortunas, e a deslocalizacion de empresas e a emigración (ás veces co apoio das administracións). Diante dunha situación tan contraditoria, todo indica que a crise se utiliza dun xeito perverso para rebaixar as condicións laborais, facer dos servizos básicos novas áreas de negocio, e debilitar as organizacións que representan os intereses das clases populares. Polo que as contas non cadrarán até que se completen eses obxectivos, ou a xenreira da xente estoupe.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 21 de febreiro de 2013