Wert, un touro bravo

Decembro 13th, 2012  |  Published in| the_category cultura/lingua, neoliberalismo, publico, sociedade

O ministro de educación de Rajoy di que se considera como un touro bravo, que medra fronte á oposición. Coido que el entende isto como un signo de valentía, mais calquera se sente forte cando está do lado das clases dominantes. Ollando a súa biografía destaca que en 1986 foi elixido como deputado por Alianza Popular pola Coruña, malia nacer en Madrid e non ter ningún vencello real con Galiza, o que amosa até que punto fai falla unha reforma que ligue os cargos co lugar polo que son electos, mais tamén reflicte como as eleccións e cargos non sempre responden a criterios de defensa dos intereses da poboación afectada. José Ignacio Wert, para alén das súas declaracións prepotentes, chamativas nun ministro de educación, é sobre todo noticia dende que exerce o cargo polo seu ataque sistemático contra a educación pública e laica, e as nacionalidades periféricas, ou sexa: é representante dun xeito de neofranquismo serodio.

Este ministro tan agresivo coas linguas e as culturas das nacionalidades históricas, tanto que alguén tan comprometido co sistema como Durán i Lleida, deputado de CIU, fala da maior agresión dende o franquismo, salientou hai uns meses por substituír a materia de Educación para a Cidadanía, que era unha esixencia da xerarquía católica. Agora, dá un novo paso, cunha reforma  que privilexia o ensino privado, aumenta as horas de relixión, rebaixa o papel das linguas das nacións periféricas, e invade as competencias das autonomías.

Núñez Feijóo, o noso presidente viaxeiro, apoia a reforma e olla normais estes comportamentos que aumentan a tensión e discriminan ás linguas de Galiza, Cataluña e Euskadi, mesmo  presume de que se trata dunha extensión do modelo galego a estas nacionalidades (despois vai de moderado). E, malia que se di o máximo cumpridor das normas, non ten en consideración as rectificacións que lle pide a UE no decreto de plurilingüismo, por discriminatorio coa lingua nacional de Galiza. En fin, temos na dereita unha morea de touros bravos ¿serano tamén cando o descontente e a mobilización social esixa responsabilidades pola desfeita económica, as eivas democráticas, e un sistema non sustentábel?

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 13 de decembro de 2012

Os comentarios están pechados.