Reforma a medida da gran patronal
Febreiro 16th, 2012 | Published in| the_category mov.obreiro, neoliberalismo
O Goberno central recoñece que as novas medidas de axuste non van xerar emprego no inmediato. Entón ¿por que as toman?… A experiencia dos últimos anos, con medidas semellantes e o que está acontecendo en Grecia, demostran que afondan a recesión e destrúen máis emprego asalariado, mesmo prexudican a autónomos e pequenos empresarios. Entón ¿por que as toman?… Non se pode pensar que por ignorancia ou porque non existan outras solucións. Todo indica que é por razóns máis sinxelas, xa que para alén do discurso populista, son medidas que favorecen aos grandes grupos económicos e dan pulo aos altos salarios dos executivos. Esta é a única razón lóxica.
Evidentemente nalgún momento a situación reverterase, mais deixando polo camiño un enorme aumento da pobreza e un gran retroceso nas condicións laborais. Unha sociedade máis inxusta, dual e estratificada, nun Estado con maiores desigualdades no desenvolvemento, demografía, e poder político.
A reforma laboral do Goberno Rajoy súmase a outras anteriores, e ademais ten outra pata no acordo de CC.OO. e UGT coa patronal CEOE, que rebaixa os salarios no sector privado. A reforma retalla as indemnizacións por despedimento, e o facilita, tanto cando é colectivo como individual, amplía o “descolgue” dos convenios, ferindo a negociación colectiva, permite a redución de salarios cando as empresas aleguen perdas (sen ningún control). En fin, é unha reforma feita a medida da patronal, para rebaixar salarios e concentrar e centralizar a riqueza. Unha reforma que se engade ao retallo dos salarios e condicións laborais dos empregados públicos, da rebaixa e endurecemento das pensións, a menores prestacións e servizos básicos.
Terían que pensar moito, sobre o que está acontecendo, aqueles que esquecen as grandes loitas para conseguir estas conquistas, que agora se están a perder con tanta rapidez.
Artigo publicado en Diario de Ferrol o 16 de febreiro de 2012; o 20 publicado en Ideal Gallego