Globalización suicida

Febreiro 11th, 2012  |  Published in| the_category economía, mov.obreiro, neoliberalismo

(No ano 1996 publiquei este artigo en Faro de Vigo sobre a globalización neoliberal e as súas consecuencias sobre a economía, o emprego e as condicións de vida da poboación galega, coido que pola súa vixencia paga a pena inserilo neste blogue)

Segundo os governantes do Estado, e os da Xunta de Galiza, pra criar emprego hai que competir, aumentar os rendementos e baixar os salarios, porque o resto dos países cada vez producen máis barato. Arguméntase pra fortalecer estas afirmacións: que estamos nun mercado aberto onde China, Marrocos ou Tailandia, por poñer algúns exemplos, teñen unha man de obra moi barata, e que Alemaña ou Francia, unha tecnoloxía moito máis avanzada. Polo tanto, hai que rebaixar salarios, reducir prestacións sociais, vender empresas públicas e importar tecnoloxía. Todo así de sinxelo…, malia que anos de facer isto non producíron resultados positivos, non só no Estado Español, senón en moitos países da Unión Europea e do resto do mundo. Véxase senón situacións como as de: Francia, con 35.000 empregos perdidos ao mes, malia as medidas retrogradas en materia social e laboral de Chirac; ou de Arxentina e Venezuela, onde o empobrecemento abrangue a provincias enteiras e grandes masas de povoación; ou Chile, o exemplo de desenvolvemento, onde máis do 45 % das familias están por baixo do limiar da pobreza…

A situación económica actual, e política, imita a do cangrexo en materia social. Canto máis se precariza e reducen prezos, por exemplo Francia, máis o fan axiña en China, Arxentina ou o Estado Español, polo que o mercado e o emprego gañado duramente, pérdese seis meses despois, e de novo tómanse máis medidas que esmagan aos economicamente débiles. Así funciona o mercado de consumo global (cando menos o non planificado por un poder político democrático). Outros mecanismos, moi semellantes, porén ao revés, actúan sobre os bens con moita tecnoloxía punta engadida. Neste caso, os prezos mantéñense altos, producíndose unha gran concentración de capital, como nunca antes na historia da humanidade, mentres medran os salarios de executivos e persoal cualificados. Vaise producindo así unha dualización social. Tamén territorial, xa que os países capaces de producir esta tecnoloxía son  moi poucos, porque compre de grandes investimentos, que só USA, Alemaña e Xapón poden realizar. Hai excepcións, pero moi poucas e que non son duradeiras.

Estamos fronte a unha competencia perversa e un modelo económico equivocado, clasista e discriminatorio, que enriquece a uns poucos e reduce a sectores cada vez máis extensos á miseria. A globalización económica non significa máis emprego e benestar social, cando está dirixida e mediatizada polos intereses das multinacionais e os grandes estados. Un exemplo preto de nós, témolo na Unión Europea. Lembremos que cando a entrada do Estado Español dicíase que ía criar máis dun millón de novos postos de traballo só pola eliminación das fronteiras. Os efectos foron todo o contrario, e perdéronse millóns. A mundialización económica permitiu que os 350 homes máis ricos, a través das multinacionais, acaparen tanta riqueza como o que gaña o 45 % da povoación do mundo nun ano!!! ¿Non será tempo, antes de que sexa tarde, de se replantexar o modelo económico, de deter ou reorientar o proceso de globalización e uns axustes que só conducen á marxinación a amplos sectores sociais?

En Galiza, non teríamos que ter dúbidas, cada día compartimos ca maioría social e territorial do resto do mundo milloras tecnolóxicas, pero tamén máis desemprego, maior precarización social, etc., e como consecuencia: menos traballo e povoación, e un pesimismo xeralizado fronte o futuro. E todo isto traballando a esgalla, xa que o das oito horas é unha conquista perdida en moitos sectores. Sería bo que os nosos governantes, a Xunta de Galiza, que estará pra algo máis que xestionar, pensara sobre o que é máis convínte pra nós e os demais. Que se puxera ao servizo da maioría, pode que así, aínda non sexa capaz ela soa de modificar o marco político e económico actual global, porén podamos avanzar neste obxectivo e actuar con criterios máis axeitados fronte ós problemas existentes. De non facelo, non se pode pedir co povo manteña constantemente unha pasividade suicida, fronte á inoperancia, á desfeita económica, e o sometemento acotío aos intereses alleos, como no caso concreto das limitacións á produción leiteira e á construción naval.

Artigo publicado en Faro de Vigo o 7 de setembro de 1996

Chuzame! A Facebook A Twitter

Os comentarios están pechados.

Olark Livehelp