Non coido que o debate iniciado desde algúns sectores do galeguismo encol do bilingüismo en Galiza sexa unha decisión espontánea nen que se limite só a este tema. Resulta evidente que o  que se pretende discutir non é o feito de que unha boa parte do país fala en castelán, nen que esta tendencia medra, senón a caracterización como lingua propia dos galegos e galegas ou non. En poucas palabras, se foi imposta ou adoptada por nós libremente (cuestionando o carácter colonial, dependente). Sen remontarnos á “doma e castración do Reino de Galiza”, ou á negra sombra do franquismo, mesmo hoxe o castelán conta con todos os privilexios do idioma arroupado polo Estado, os grandes grupos económicos e de información, a igrexa, etc, nun contexto de dependencia política, económica e cultural de Galiza.

A pretendida igualdade de elección individual non existe máis que formalmente. O contexto é tan abafante que os cativos decátanse axiña cal é a lingua predominante en todos os ámbitos públicos, malia que o galego é a lingua maioritaria nos máis vellos.  A normalización do galego nunca pasou pola súa imposición ás persoas, senón por garantir que todos o entendan e podan falar. Porén deixar exclusivamente nisto a loita pola igualdade de trato non evita que as persoas (mesmo contra a súa vontade) sexan empurradas a ter que utilizar acotío o castelán, se non hai medidas que garantan un contexto educativo, informativo e empresarial que sexa equitativo.

En fin, argumentos encol da imposición do castelán hainos a moreas. Aínda así, unha parte moi grande da xente nesta nación fala esta lingua e temos que respectar os seus dereitos ¿alguén o nega no nacionalismo galego? Só grupos moi marxinais. Por certo, tamén hainos que coidando que son poucos os atrancos da lingua propia queren facer unha brincadeira, queimando etapas, e pasar a escreber e falar en portugués. É necesaria a aproximación, porén é un proceso social.

Estas posturas non son casuais, os grandes atrancos sempre alentan o derrotismo e o aventureirismo en sectores das forzas que deben vencelos. E ademais estamos nunha conxuntura na que se agudizaron moito as contradicións de clase, con expresión tanto no aumento da explotación nas empresas como entre territorios (ler a teoría da dependencia de Rui Mauro Marini). Economía, cultura, lingua, son unha unidade, polo que conseguir un trato igualitario só é posíbel con xustiza social e soberanía, mediante un Estado propio, sexa a independencia ou nunha confederación (un proceso que pode ser asimétrico avanzando neste contexto en temas como o lingüístico, con medidas de protección e potenciación específicas). Por iso penso que este non é un debate casual, que se estende a máis temas, e que se están escenificando publicamente as diverxencias no identitario, que esperta maior paixón, cunha finalidade política premeditada.

Publicado en Xornal de Galicia o 6 de decembro de 2010