Hai razóns abondo para realizar a folga xeral do 29 de setembro, mesmo deberíase ter feito antes, porén a actitude pasiva, pode que de excesiva confianza no Goberno central e no sistema, de CC.OO e UGT, no axudou. Agora ben, nunca é tarde, aínda que algúns  argumentan o contrario querendo desalentar a mobilización da clase traballadora, xa que compre recuperar o perdido nas últimas décadas, de continuos retrocesos. Porén ademais é necesario frear novas medidas negativas xa anunciadas, como a reforma das pensións, e outras tendencias que son evidentes: menores recursos para os servizos sociais básicos e unha maior privatización da súa xestión; regresión fiscal; recuar nos dereitos sindicais.

Por todo o anterior é fundamental que este paro non sexa un acto simbólico, senón o inicio dun proceso de mobilizacións que permita que a clase traballadora recupere a iniciativa, e apareza como un referente diante dos autónomos e pequenos empresarios, tamén moi afectados pola centralización e concentración da riqueza (un proceso que se acentuou coa crise). Ademais, dado a forte tendencia á centralización da riqueza que ten consecuencias no ámbito territorial, a problemática da soberanía, e no caso concreto de Galiza de maiores competencias estatutarias  (encetando polo recoñecemento de que somos unha nación) é unha prioridade que non podemos ignorar, xa que ten consecuencias directas para os intereses das clases populares.

É trabucado desligar a loita contra a reforma laboral ou a diminución das pensións da cuestión da soberanía nacional. O capital axe a un tempo tanto en todo o relativo á aumentar os lucros por medio do medre da explotación laboral, como impondo regras de xogo negativas para os países dependentes, coloniais e neocoloniais (a enxurrada migratoria é unha das consecuencias). Por iso, se caracteriza correctamente ao neoliberalismo como un modelo que empurra á concentración e centralización da riqueza, recuperando ao primeiro plano o problema do imperialismo, e desmentindo a valoración, que fan algúns teóricos, da existencia dun capitalismo universal sen centros de decisión.

No inmediato, a folga do 29 tería que facer parte dunha extensa campaña de mobilizacións, sensibilización e organización da clase traballadora. E neste marco compre fixarse como obxectivos esenciais: recuperar para o movemento obreiro unha forte presenza no eido político e comunicacional. Hoxe unha parte importante das decisións laborais tómanse fóra da empresa (lexislación, fiscalidade, servizos e prestacións sociais). O sindicalismo non ten futuro neste contexto (desaparecido o mundo bipolar) se se plantexa só como forza de presión á patronal e ao goberno en funcións. A clase obreira debe asemade axer en política para mudar a correlación de forzas e conquistar unha sociedade máis xusta e democrática.

Artigo publicado en Xornal de Galicia o 13 de setembro de 2010