Este tema foi tratado moi cedo, polos historiadores galegos do século XIX que deste xeito pretendían dignificar ao país no Estado español. Daquela poucos valoraban a independencia, xa que o estado non era tan excluínte e abafante coma hoxe (no que pretende ser sinónimo do antigo Reino de Castela). Aínda así Antolín Faraldo clamaba no periódico Revolución “pra que nos temeran e respeitaran”, e definía a Galiza como unha colonia da Corte Española (1846) e un ano antes puxo a votación a independencia de Galiza, perdendo por un voto, segundo relata Murguía.

Afirmaban os primeiros galeguistas que o noso país “tivo leis, antes que España reis”. E tiñan razón os nosos devanceiros, xa que os concilios de Braga (anos 561 e 572) fixaron cedo a división administrativa (parroquiale suevum) e deron folgos á difusión do cristianismo fronte as crenzas pagás (de correctione rusticorum). Malia estas evidencias aínda existen, como di Pondal no himno nacional, os “ignorantes, féridos e duros” que queren restar valor a estes feitos históricos. Os contemporáneos dos suevos falan do Reino como Gallicense Regnum (Historia Francorum) e dos reis como Regem Galliciae (De scriptoribus ecclesiasticis), e mesmo nalgúns casos defínenos como “suevos do Reino de Galiza”. O Reino de Castela xurdiría sete séculos despois, e mesmo o Reino Visigodo é posterior ao suevo, xa que en principio ten a súa sede en Tolosa, no sul da Galia

Os suevos atravesaron o Rin no ano 406, xunto con outros pobos xermanos, como os Vándalos e os Alanos, estes de orixe iraniano. Chegaron á Gallaecia a finais do 410 ou no 411, despois de que en sorteo recibisen esta provincia romana no 410, reinando Hermérico. Calcúlase que eran uns 30.000, ou sexa, uns oito mil guerreiros, polo que eran o menor dos continxentes dos pobos invasores. Da súa presenza en todo o territorio hai poucas dúbidas, se temos en consideración a concentración de topónimos, aínda que destacan na parte atlántica do convento Bracarense que daquela comprendía até a Ria de Vigo e unha parte da provincia de Ourense.

Todo indica que nun primeiro intre as relacións cos nativos non foron doadas (salientando a rebelión de Lugo), porén axiña produciuse un achegamento que, todo amosa, xa era moi grande en tempos de Requiario (448-456) e completo na época de San Martiño de Dumio. Esta unidade permitiu que o Reino tivera momentos de expansión nos que mesmo disputaron o predominio na península, como con Requila (438-448). Serían derrotados polos visigodos no río Orbigo (456) , a requirimento de Roma. A finais do século V e principios do VI chegaron continxentes de bretóns ao territorio entre o río Eo e a ría de Ferrol; a súa importancia ficou destacada pola participación nos concilios de Braga, do bispo Maeloc que tiña a súa sede na diócese de Bretoña.

O Reino Suevo sería conquistado polos visigodos no ano 585, aínda que non desapareceu, porque estes gobernaban sobre tres espazos diferenciados: Hispania, Galia (Septimania) e Galiza. Aínda máis, os seus monarcas denomínanse reis do reino visigodo e suevo. Na práctica reina na Galiza un dux emparentado coa monarquía visigoda como príncipe asociado a ela. Mesmo haberá dous dux de Galiza que serán posteriormente monarcas en Toledo: Wamba e Vitiza. Precisamente son os que apoian a este último rei os que, por oposición a Rodrigo, chaman como aliados aos musulmáns do Magreb.

Lembrar a nosa historia (tan descoñecida pola maioría) é fundamental pra valorar a nosa identidade nacional e enfrontar con éxito o futuro. A conmemoración dos 1600 anos do Reino Suevo (ou da Gallaecia) reflicte que temos unha historia da que estarmos orgullosos. Encol deste tema hai un Congreso Internacional o vindeiro mes de 4 a 8 de outubro, algo moi positivo, porén ademais debería ter ampla difusión pública e nas escolas.

Artigo publicado en La Región o 3 de agosto de 2010