Chamarlle reforma laboral a unhas medidas que, de se levar adiante, van afectar negativamente á clase traballadora e aos sectores populares do país, resulta ademais dunha utilización perversa da palabra unha aldraxe. Non se propón máis unha reforma, tratase de seguir esmagando aos de abaixo para garantir maiores lucros á alta burguesía (enchida de cobiza), pagar os custes da burbulla inmobiliaria e da especulación financeira, e continuar co mesmo xeito de facer das últimas décadas, como se ren pasara, como se non houbese responsabilidades, nen desfeita do ecosistema; e ninguén se decatara das altas taxas de desemprego (estrutural en Galiza), o do endebedamento crónico das clases populares, e das bolsas de marxinalidade e pobreza que xa hai no país.

Semella que as diferenzas entre centroesquerda e dereita só están no aborto, na cuestión lingüística e nas caixas (só en Galiza, vexase o que acaban de pactar no Estado); e en ir de vagar uns, e polo bruto os outros, nos temas económicos e laborais.

Unha boa parte do sindicalismo, agrupado nas dúas grandes centrais estatais, voltouse morno, xa non saben axer fóra da mesa de negociación e do pacto, fuxen da mobilización, de agrupar os conflitos e de utilizar a folga xeral para evitar máis retrocesos sociais e laborais, xerar conciencia de clase e mudar a correlación de forzas, e así poder avanzar.

Na Galiza tamén hai un sindicalismo combativo, con proxecto estratéxico, e que non refuga da negociación para dar avío ás reivindicacións urxentes. Porén, a correlación de forzas (tanto sindicais como sociais) non permiten, polo momento, dar ese pulo cualitativo… aínda que desde xa teríase que convocar a todas as forzas antipactistas (ou sexa, que non parten da derrota) para que este salto se poda facer efectivo o máis rapidamente posíbel.

Artigo publicado en Diario de Ferrol o 11 de febreiro de 2010