O Governo central, seica premido polo déficit público, acaba de anunciar unha xeira de medidas antipopulares de restrición do gasto a curto e longo prazo, xa que atinxen moi fortemente ás clases máis débiles. Sen dúbida Zapatero e o PSOE saben que só co anuncio destas propostas na práctica xa ten perdidas as próximas eleicións, máxime cando ate o momento non foi capaz de executar medidas eficaces pra evitar o aumento do desemprego, que xa supera os catro millóns de parados no Estado español e as 230.000 persoas en Galiza. En fin, que non se trata tanto de que o PP ofreza alternativas que engaiolen á maioría social, como que o PSOE está perdendo aceleradamente unha parte importante do seu eleitorado. As claves pra que os “socialistas” fixeran esta proposta agora, cando ate o momento se tiñan resistido, só poden ser dúas: que sexa unha imposición da Unión Europea (ou sexa de Alemaña), en base á doutrina do neoliberal Tratado de Lisboa, preocupada por un déficit público que teme ter que pagar e asemade disposta a impor un sistema máis neoliberal como solución á crise; e que a recuperación da economía e o emprego leve máis tempo do que se esperaba e se caracterice pola súa debilidade, e , ademais, desde o PSOE pra alén da leria se opte por esmagar aos máis débiles.

Evidentemente quedábanlle sempre ao Governo central outras alternativas, como a de saírse do euro (pra alentar as exportacións industriais e volver a ter o control monetario) e recuperar os impostos que durante os últimos anos suprimiu aos máis ricos e ás empresas (patrimonio, SICAV, rebaixa nas cotizacións sociais, etc.) ou aumentar a presión sobre os beneficios das empresas. Porén, a esta altura, este é un obxectivo que non figura na axenda do PSOE, que asume como propio o sistema capitalista, contentándose historicamente con lle facer algunhas milloras parciais, cando a correlación de forzas das tendencias dentro das clases dominantes llo permiten, pra compensar deste xeito os seus efeitos máis agresivos.

Proposta e argumentos

Neste contexto compre entender o menor gasto público e a proposta que sobre as pensións o Executivo vai realizar ao Pacto de Toledo. Esta proposta significa, nos aspectos fundamentais: aumentar progresivamente a idade de xubilación ate os 67 anos (hoxe está nos 65); facer outro tanto coa idade mínima de pre-xubilación (agora é de 52 anos); mudar os criterios da base de calculo da pensión (neste momento é a media dos últimos 15 anos de cotización) propondo que sexa toda a vida laboral; aumentar asemade o tempo pra ter dereito a unha pensión (agora 15 anos, e falase no futuro de vinte); e ademais limítase o aceso a unha pensión de viuvez. En todos estes casos os novos criterios teñen como resultado a diminución das cuantias que van percibir os pensionistas e endurecer o aceso. A equipa de Zapatero, co apoio do PSOE, utiliza todo tipo de argumentos pra demostrar que con estas propostas vai favorecer a este ou aquel colectivo, porén non é doado disfrazar unhas medidas que prexudican con tanta evidencia aos pensionistas no seu conxunto.

Utilizar a previsión da situación demográfica do ano 2040 non ten moito sentido, máxime cando se fai cunha foto fixa da distribución da renda e os ingresos actuais, sen ter en consideración, por exemplo, que cun maior desenvolvemento económico, ou sexa co medre da renda por persoa, sería lóxico que se lle adique unha maior porcentaxe do PIB tanto aos servizos públicos como ás prestacións sociais básicas. Hai quen engade a estas medidas correctoras outras, que poderían ser complementarias, como: perseguir o fraude fiscal, limitar a situacións moi determinadas as prexubilacións, eliminar os atrancos de aceso ao mercado laboral da mocidade,… ademais, fai falla, como xa se dixo, recuperar impostos suprimidos nos últimos anos aos sectores máis ricos e eliminar as subvencións en materia de seguridade social ás empresas. Isto poderíase facer sen mudar o actual modelo económico e social, só se necesita vontade política.

Ate hai pouco utilizábase como argumento principal polo Governo, que era necesaria a entrada de inmigrantes pra manter as pensións no futuro. Agora, con máis de catro millóns de desempregados, este argumento ademais de non ter validez sería unha provocación aos centos de miles de familias que non teñen un só membro traballando. En realidade este nunca foi o motivo de que se alentase a inmigración, a razón fundamental foi a necesidade por parte das clases dominantes de ter unha masa de man de obra moi barata, pouco reivindicativa e desorganizada (por predisposta ao sacrificio persoal, e pouco integrada no colectivo laboral), máis facilmente explotábel e polo tanto coa que conseguir os máximos beneficios empresariais. Con esta mesma finalidade mantense decote unha importante bolsa de inmigrantes ilegais, que cando as necesidades do mercado laboral o esixen se legalizan, dándose entrada a unha nova masa de ilegais, que seguen premendo á baixa as condicións laborais e sen prestacións sociais. O segundo obxectivo foi, e aínda é, aumentar a man de obra de reserva, debilitando a capacidade reivindicativa da clase traballadora. Lembremos que mentres no estreito morren miles de persoas, por Barajas entraron millóns de inmigrantes sen problemas. Pra alén do discurso progre na práctica houbo discriminación. É certo que a inmigración en principio aporta máis ingresos que gastos ao Estado, porén a medio prazo crecen moito seus gastos sociais, tendo en consideración a tipoloxía das familias de América Latina, principal zona de chegada de inmigrantes.

Pra aumentar a natalidade é necesario atacar as causas que provocaron a súa queda: o desemprego estrutural; a temporalidade laboral; os baixos salarios; o difícil aceso á vivenda; a falla de garderías infantís; o pouco tempo de baixa por maternidade; a falla de axudas económicas ás familias menos podentes, tento en consideración que un fillo ou filla representa hoxe unha carga económica importante. As medidas que se tomaron só foron parches pra cubrir as aparencias, non se fixo nada pra modificar os problemas de fundo.

Agora ben, todo isto amosa que o sistema capitalista está na súa etapa senil, xa que cada vez debe ser máis agresivo pra se manter (como afirma Samir Amin), e polo tanto debería ser substituído ou como mínimo menos reformado profundamente, xa que cada vez ten un carácter máis inxusto, destrutivo e violento. Un reparto máis xusto do traballo e da riqueza producida, permitiría, aínda sen un aumentar a produción, un maior excedente pra adicar as pensións e os servizos e prestacións públicas esenciais. Nun mundo con grandes problemas ecolóxicos, esta sería a solución máis lóxica e sustentábel. Porén a correlación de forzas non permite albiscar unha saída deste tipo a curto prazo, mais é posíbel frear un novo recuar nas condicións de vida da clase traballadora.

Motivos ideolóxicos

O Governo de Zapatero non ten moitos argumentos pra facer agora a reforma das pensións cos dados nas mans. No 2009 o superávit, aínda que máis baixo que no ano 2008, atinxiu os 8.500 millóns de euros. Mesmo recoñecendo que os gastos aumentaron un 6,5%, o fundo de reserva da Seguridade Social é de 60 mil millóns de euros, ou sexa: unha cantidade abondo pra facer fronte ao medre do gasto durante varios anos aínda que creza o desemprego (e a crise non durará sempre). A menos que, como parece en realidade, non sexa tan doado recorrer a este fundo xa que uns 40 mil millóns foron prestados ao Estado, que neste marco económico non podería recuperalos tan rapidamente (e seica usados pra saír da crise… ¿axudando aos bancos?…).

De todos os xeitos, coincido con aqueles que pensan que esta é unha proposta feita máis por razóns ideolóxicas que baseada na situación económica da Seguridade Social. Cando menos isto é o que reflicten as medidas que se estiveron tomando nos últimos anos, que foron erosionando os ingresos da Seguridade Social (rebaixa das cotizacións patronais, exención ou redución en determinados supostos, e mesmo utilizar en 2009 nada menos que 7 mil millóns pra permitir un aprazamento dos pagos pra aliviar a situación financeira das empresas). Ademais, a rebaixa das pensións públicas e o endurecemento do aceso vai alentar un crecemento das pensións privadas complementarias xestionadas na súa enorme maioría polos bancos… ¿non será este tamén un dos obxectivos?…

Respeito do déficit público, que é un debate paralelo, temos que dicir outro tanto. Nos últimos anos reducíronse ou suprimíronse impostos (especialmente directos) como o do patrimonio e sucesións. A modificación proposta de IRPF suprimindo un tramo superior favorece máis outra vez aos mesmos sectores. Pra compensar estes menores ingresos creceron os impostos indirectos, concretamente temos o recente aumento do IVE do 16% ao 18%. Con todas estas medidas, favorecedoras dos sectores dominantes, a presión fiscal baixou ao 32%, unha das menores da Unión Europea; porén a distribución desa presión non é xusta, xa que as clases populares viron incrementada a súa achega impositiva ao contrario das clases máis acomodadas, en dirección oposta á idea de que “quen máis teña máis pague”. Ademais o lóxico é que a presión fiscal sexa superior, acorde coa que teñen outros países con igual nivel de renda.

No eido político a estratexia do PSOE pode ser a de pensar que, rebaixando un pouco a proposta das pensións, ao final pode conseguir o apoio da patronal e as centrais sindicais pactistas de ámbito estatal. Agora ben, todo indica que será moi difícil que a povoación trague por unha medida tan antipopular.

Supoño que neste caso non estará máis que cumprindo a decisión das clases dominantes (a gran burguesía), e que polo tanto xa está pensando máis  en como volve a ocupar o Executivo despois dun período de governo da dereita, que na posibilidade de seguir na Moncloa. Confía o PSOE pra este retorno en que os medios de comunicación de masas, e os erros propios, impidan que medre unha alternativa á súa esquerda con peso no Estado español. Evidentemente nas nacións periféricas a dinámica política ten ademais particularidades propias, e esas alternativas existen, aínda que a globalización neoliberal tamén lles fixo dano.

Artigo publicado en GZnación o 3 de febreiro de 2010